Tras a boa acollida da primeira etapa e unha vez analizado o seu funcionamento, o programa retómase agora cun novo período de apertura e unha relación actualizada de templos. O obxectivo é seguir mellorando a accesibilidade a este patrimonio e avanzar na definición dun modelo de visitas viable e axeitado ás singularidades destes espazos.
Esta nova fase dará comezo este sábado, 28 de marzo, en vésperas da Semana Santa, e estenderase ata o 30 de xuño de 2026, coincidindo coa finalización do PSTD Ribeira Sacra. Neste período, permanecerán abertas ao público as seguintes igrexas:
- San Pedro de Bembibre (Taboada)
- Santiago de Lousada (Carballedo)
- San Miguel de Eiré (Pantón)
- San Vicente de Pombeiro (Pantón)
- San Xillao de Lobios (Sober)
- San Vicente de Pinol (Sober)
- Santa María de Nogueira de Miño (Chantada)
- Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)
As visitas seguirán sendo de carácter libre (sen guía), respectando sempre o uso relixioso dos templos e as normas de seguridade, cun aforo máximo de 25 persoas por igrexa. A tarifa xeral, establecida pola administración diocesana, establécese en 2 euros por persoa e templo, contando con prezos especiais para grupos e outros colectivos.
As persoas interesadas xa poden formalizar a súa reserva e consultar toda a información do programa na seguinte ligazón: https://turismo.ribeirasacra.org/apertura-iglesias-romanicas-2026
Os gastos derivados do persoal encargado de abrir as igrexas e recibir as persoas visitantes, así como do deseño gráfico, maquetación, produción de soportes de comunicación e contratación de publicidade, son asumidos con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

