HomeMedio ambiente e PatrimonioXornadas sobre gastronomía como patrimonio cultural no Pazo de Tor o 8...

Xornadas sobre gastronomía como patrimonio cultural no Pazo de Tor o 8 de abril

As xornadas, que se desenvolverán baixo o epígrafe “Cultura que dá luz. Encontros de Saberes Compartidos", inclúen mesas redondas, relatorios, demostracións de cociña e dinámicas participativas pensadas para analizar como a alimentación constrúe identidade colectiva, revela estruturas sociais e desigualdades e está profundamente ligada ao territorio e á paisaxe cultural.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Rede Museistica Provincial prepara un encontro centrado na gastronomía como patrimonio cultural, que se celebrará os días 7 e 8 de abril no Pazo de Tor e no Museo Fortaleza de San Paio de Narla. A deputada de Cultura Iria Castro e a xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago presentaron o programa das xornadas, que contarán coa participación de profesionais do ámbito gastronómico, académico e cultural, como Lucía Freitas, cociñeira e propietaria de A Tafona (Compostela), que fará unha demostración de cociña con receitas recuperadas do arquivo da RMPL, Montse Castiñeira, cociñeira e propietaria de A Taberna de Montse (Órrea, Riotorto), Begoña Vázquez, cociñeira de O Regueiro da Cova, Ángeles Romero, catedrática do Pan e do Cereal da USC, o xornalista gastronómico Miguel Vila ou o historiador e escritor Xavier Castro, entre outros perfís.

A participación nas xornadas, gratuíta e con servizo de bus desde Lugo, require inscrición previa no correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com. Dado que as prazas son limitadas, recoméndase facelo con antelación, tendo a flexibilidade de anotarse ao programa completo de dous días ou, se se prefire, a unha única xornada de xeito individual. As prazas para o encontro I que se celebrará en Narla, xa están esgotadas.

Programa gastronomía na Rede


ENCONTRO I: As mans invisibles. A muller na construción da identidade gastronómica
    • Data e Horario: Martes, 7 de abril, das 15:00 ás 20:00 h.
    • Localización: Museo Fortaleza San Paio de Narla (Xiá, Friol)
.
    • Eixo Conceptual: Historicamente, a muller ocupou un papel secundario no recoñecemento público da gastronomía, malia ser a verdadeira gardiá da tradición culinaria e produtiva. Hoxe en día, nun contexto de alta visibilidade mediática onde o recoñecemento adoita recaer en figuras masculinas, a muller continúa a ser o motor principal de toda a cadea de valor. As estancias da Fortaleza de Narla, a súa lareira e o seu forno, serven de escenario para conectar coa memoria dun traballo esencial que foi mantido no anonimato e que hoxe reivindica un cambio de narrativa. Showcooking e degustación de receitas históricas recuperadas dos arquivos da RMP, seguida de mesa debate para rematar cunha dinámica participativa para recoller testemuñas orais e receitas tradicionais transmitidas por mulleres.

ENCONTRO II: Desigualdade e memoria. A comida como marcador de clase social ao longo da historia
    • Data e Horario: Mércores, 8 de abril, das 10:00 ás 15:00 h.
    • Localización:Pazo Museo de Tor (Monforte de Lemos).

    • Eixo Conceptual: A alimentación funciona como un espello das desigualdades sociais; o que se comía e como se comía marcaba a posición social, o poder económico e o acceso aos recursos. O Pazo de Tor convértese nun escenario simbólico que dialoga coa idea do privilexio alimentario e as relacións de poder. O encontro explora as estruturas económicas e a división social do traballo, contrastando o mundo da nobreza coa subsistencia popular e analizando como os fluxos migratorios transformaron a nosa cultura alimentaria.
1ª Parte: Mesa redonda moderada por Leonardo Casado, con Xavier Castro, Miguel Vila Pernas, Rocío Carregal, Marcos Arufe, Begoña Vázquez, Esther Teixeiro, Xosé Figueroa e Ángeles Rivada. Eixes de debate: A dieta da nobreza e dos pazos fronte á campesiña, a alimentación en conventos, a pegada da inmigración e o camiño cara á democratización alimentaria.
2ª Parte: “Tres mesas, tres mundos”: Showcooking-degustación que recrea tres realidades sociais: a mesa pacega (carne de caza, viño, especias), a mesa popular rural (caldo, centeo, pataca) e a mesa da inmigración (millo, azucre, café).
Actividade final: Recollida de lembranzas de comidas da infancia e produtos de celebración do público asistente

ÚLTIMAS

Obradoiro contra a desinformación en Taboada

Esta actividade de alfabetización mediática será impartida por Selina Otero Verdes, licenciada en xornalismo...

En outubro aumentou en 110 o número de parados no centro-sur da provincia

Paro comarca de Sarria no mes de outubro 751 (+35): O Incio 32 (-1) Láncara 73...

O BNG de Monforte reclama transparencia no proceso selectivo da Policía Local

Os nacionalistas aseguran que as informacións publicadas sobre os resultados da primeira proba, na...

“Os dous de sempre”, do dúo Mofa & Befa, este 5 de novembro no Multiusos de Monforte

A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da...