HomeMedio ambiente e PatrimonioProendos prepárase para a súa festa romana de exaltación da primavera, a...

Proendos prepárase para a súa festa romana de exaltación da primavera, a I Floralia, este 30 de maio

O xacemento arqueolóxico de Proendos, en Sober, acollerá o vindeiro sábado 30 de maio a celebración da 'I Floralia de Proendos', unha festa de ambientación romana promovida polo Concello de Sober, co apoio da Xunta, co fin de divulgar e poñer en valor este enclave da Ribeira Sacra.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A celebración toma o nome das antigas ‘floralias’, as festas romanas dedicadas á exaltación da primavera, e desenvolverase entre as 10,30 horas e as 14,30 horas. As actividades contarán coa participación de integrantes da asociación de recreación histórica Caetra Lucensium, coñecida tamén pola súa implicación na festa do Arde Lucus.

Ao longo da xornada poderanse ver exposicións permanentes sobre os xogos romanos, o material cirúrxico da época, a ceca -onde se fabricaban e acuñaban as moedas- e a panoplia romana, co armamento e equipamento dos soldados da antiga Roma. Os máis pequenos poderán participar ademais en obradoiros de fabricación de moedas e colgantes, xogos de mesa e mesmo nunha ‘escola de lexionarios’.

A programación inclúe tamén visitas guiadas ao xacemento arqueolóxico, dirixidas pola empresa Tempos Arqueolóxicos, responsable das últimas campañas de escavación. Estas intervencións, impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, permitiron documentar e consolidar a superficie completa da planta dun hórreo romano, unha estrutura singular no noroeste peninsular pola disposición dos seus muros paralelos, así como identificar outras estruturas de carácter residencial e agrario na contorna do xacemento, o que reforza a relevancia de Proendos como enclave fundamental para entender a presenza romana en Galicia.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián anima a participar neste evento “que converte o xacemento de Proendos nun espazo vivo de divulgación, no que a historia e as actividades lúdicas e participativas se combinan para achegar ao público como era a vida na antiga Roma e a importancia deste enclave na Ribeira Sacra”. O Concello de Sober traballa xa coa intención de dar continuidade á ‘Floralia de Proendos’ en futuras edicións, ampliando a programación tamén ao horario de tarde.

Floralia / Concello de Sober

ÚLTIMAS

O queixo ‘Savel’ de Airas Moniz, premiado a nivel estatal

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de publicar no Boletín oficial del...

Ferreira de Pantón celebra as Festas Patronais do 22 ao 24 de agosto

O Concello de Pantón presenta o programa das Festas Patronais de Ferreira de Pantón...

Artesanía de Galicia no Courel ata o 9 de agosto

Durante a súa visita, destacaron que esta iniciativa contribúe a achegarlle á sociedade o...

A directora xeral de Xuventude visita o campamento Adventure Camp no Centro Peares de Inmersión Lingüística, en Carballedo

Lara Meneses coñeceu a primeira quenda das tres coas que conta esta iniciativa que...