HomeMedio ambiente e PatrimonioPremio Escoba de Platino 2026 para Monforte e xa van 4

Premio Escoba de Platino 2026 para Monforte e xa van 4

A Escoba de Platino é un dos galardóns máis relevantes a nivel estatal no ámbito da limpeza urbana e da xestión de residuos. Nesta ocasión, o Concello de Monforte recibe este recoñecemento pola implantación dun modelo integral baseado na incorporación do punto limpo e do centro verde dentro do servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Esta semana, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, trasladouse a Madrid para recoller o premio Escoba de Platino 2026, concedido pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS). O acto enmarcábase na Feira Internacional de Urbanismo y Medio Ambiente, TECMA, que celebraba a súa 22 edición.

O rexedor, que acudiu ao evento acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, destaca que esta Escoba de Platino “supón un premio ao traballo realizado para modernizar e facer máis eficiente un servizo esencial para a cidadanía. Un recoñecemento á aposta que realizamos desde o Equipo de Goberno por unha xestión integrada, sostible e coordinada”. A integración do punto limpo e o centro verde no servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria, implantada en xuño de 2025, permitiu superar as limitacións do modelo anterior, no que ambas instalacións funcionaban de maneira independente, e deste xeito mellorar a eficiencia e a coordinación na trazabilidade dos residuos.

A Escoba de Platino 2026 é a 4ª desta categoría que obtén o Concello de Monforte de Lemos nos últimos seis anos, tras recibir o galardón tamén nos anos 2020, 2022 e 2024. Previamente, obtivo a Escoba de Prata en 2012 e a de Ouro en 2014.

Dende a incorporación do punto limpo e o centro verde ao servizo de recollida de residuos e limpeza viaria en Monforte, os datos rexistrados amosan unha mellora clara no uso, control e xestión das instalacións:

PUNTO LIMPO

  • 3.191 entradas rexistradas
  • 247.881 quilos de residuos xestionados

CENTRO VERDE (USO INDUSTRIAL):

  • 347 entradas rexistradas
  • 280.804 quilos xestionados

Dentro da actividade do centro verde destacan ademais:

  • 68.720 quilos procedentes do servizo de recollida porta a porta, con 1.389 avisos atendidos
  • 24.120 quilos recollidos de verteduras incontroladas, contribuíndo á mellora ambiental e á eliminación de puntos negros no municipio.

O Concello lembra á veciñanza o amplo horario de atención do punto limpo e o servizo de recollida de enseres porta a porta, dispoñible mediante chamada ao teléfono 900 101 390.

Un dos aspectos clave do novo modelo é a mellora da accesibilidade ás instalacións. Así, o punto limpo conta actualmente cun amplo horario de atención, en quenda de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, facilitando así o depósito adecuado dos residuos e reducindo significativamente o risco de verteduras incontroladas. Implantáronse sistemas de control de accesos e ferramentas dixitais de xestión que permiten rexistrar todos os movementos de residuos, garantindo a súa trazabilidade e mellorando a calidade da información para a toma de decisións.

Optimización global do servizo de recollida e limpeza viaria

A integración do punto limpo e do centro verde dentro do contrato municipal permitiu avanzar cara a unha xestión unificada do servizo, optimizando recursos humanos e materiais. Esta coordinación facilita: 

  • Unha mellor planificación de rutas e servizos
  • Maior eficacia na recollida de enseres e residuos especiais
  • Redución de desprazamentos innecesarios
  • Mellora no mantemento e limpeza das instalacións

Todo isto enmárcase nun servizo moderno de recollida de residuos e limpeza viaria, orientado á eficiencia operativa, á sostibilidade e á mellora da calidade do espazo urbano. O recoñecemento por parte de ATREGUS destaca tamén as melloras na recollida selectiva, especialmente na implantación do sistema de recollida da fracción orgánica mediante o cubo marrón que o Concello de Monforte entrega de balde aos veciños e veciñas que o solicitan.

Actualmente, o Concello mantén activa a campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible” para a mellora da xestión dos residuos orgánicos e da compostaxe no municipio que inclúe accións na rúa e nos centros educativos co obxectivo de sensibilizar a toda a poboación das vantaxes da compostaxe doméstica e da importancia de facer un bo uso do colector marrón. A iniciativa achega, de balde, colectores domésticos e composteiros individuais aos veciños e veciñas que o solicitan a través dun formulario ‘on line’ na páxina web municipal.

ÚLTIMAS

Graduación do alumnado de Formación Profesional no IES Francisco Daviña Rey

Durante o acto de graduación celebrado no IES Francisco Daviña Rey tivo lugar a...

Pantón ten prazo de inscrición aberto para os Campamentos de Verán e presenta a programación cultural da época estival

O Concello de Pantón presenta as actividades que a Concellaría de Cultura programa para...

O delegado do Goberno en Galicia destaca en Sarria o funcionamento da campaña “Non Camiñas Soa”

A campaña lévase a cabo desde o ano 2021 para reforzar a protección das...

O PSdeG de Sarria reclama ao Goberno local que informe de inmediato ao sector sobre a situación do matadoiro

O voceiro socialista en Sarria, Benjamín Escrontela criticou que o Goberno local de Claudio...