HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O Camiño en San Salvador da Pinza (I)

Cousas Xacobeas: O Camiño en San Salvador da Pinza (I)

Pasado o lugar do Casal, na parroquia de Biville, o Camiño Xacobeo entra na parroquia da Pinza, que en 1840 se integrou no Concello de Sárria, e históricamente estivo formado por un couto señorial, que en 1753 pertencía a Xoán Francisco Varela de Ulloa (de Sobreceda de Taboada) e a outro couto máis pequeno, Morgade, dependente da Encomenda de Portomarín da Orde do Hospital de San Xoán de Xerusalén (Orde de Malta).

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Nesta freguesía o camiño ten unha lonxitude de 1.706 metros e atravesa o lugar da Brea e o casal de Morgade. Unha forte costa leva até o lugar da Brea e pasado o casal de Morgade atravesa o regueiro Furafolla que, o mesmo ca o Rego de Chelo polo Rego de Marzán leva as súas augas até o rio Loio, afluente do Miño. A carreira pasa rente aos predios coñecidos como Rego de Chelo, Lamas, A Calzada, Paramio, A Nogueira, Leira do Prado Vello, Penela de Abaixo, A Penela, Prado da Vrea, A Brea Vella, A Cortiña, Namela de Porta, Leira da Fonte, A Costa, Riba do Couto, O Couto, Leiro do Escallo, O Cortiñeiro, A Chousa do Val, Aira de Morgade , O Campo, O Leiro, A Namela, A Chousa da Capela, A Devesiña, O Leiro do Rigueiro, Prado de Morgade, Prado de Riba do Camiño e Chousa. Pasada esta última parcela remata o Concello de Sárria, e o Camiño entra no Concello de Paradela, pola parroquia de Santa María de Ferreiros.

Perto da igrexa parroquial, arredada da vía das peregrinacións, hai un castro. Na Idade Media houbo aquí os mosteiros de San Salvador e o de San Mamede de par do Loio, na ribeira esquerda da corrente, e tamén unha ermida adicada a San Sadurniño vencellados todos eles aos mosteiros de Barbadelo. Na actualidade, ademáis da igrexa matriz hai dúas capelas, unha en Morgade adicada á Santa Mariña, non apta para o culto e outra no lugar de Valiñas. A parroquia foi cabeza dun curato do que tamén formaban parte as parroquias de Biville e Belante, integradas no Alciprestádego de Paradela, Perto do rego Furfollas consérvase a denominación de A Capela. O Mosteiro de San Mamede desapareceu hai séculos e da súa existenza só quedan as referenzas á Costa de San Mamede e á Fonte de San Mamede, na man esquerda do río Loio, pasada a Ponte do Neo non lonxe do Castro de Barán.

En 1753 o Couto da Pinza era de señorío particular e entre 1820 e 1823 formou parte do Concello Constitucional de A Pinza e Biville, integrado no partido xudicial de Sárria, e o Couto de Morgade era do Concello de San Xoán de Portomarín.

O lugar de A Brea, na que as referenzas a unha” vereta antiqua” e  á “calzada“ sinalan claramente o seu nacemento beira da vía das peregrinacións, A Antiga, seguramente pervivenza dunha vía romana secundaria, mantivo en séculos pasados a presenza dunha taberna, e na actualidade un moderno establecemento hostaleiro está aberto alí ao servizo dos peregrinos. En 1761 o taberneiro tamén rexentaba un estanquiño do tabaco, e na freguesía había un cerralleiro, un zapateiro que tamén producía coiros e traballaban só algún meses catro muiños. No Neo beira da estrada de Portomarín houbo unha taberna.

O conxunto parroquial está en periodo de forte regresíón poboacional e se en 1889 moraban nela 169 persoas, no ano 2025 somente foron 28 as ali censuadas.

Ao sur do Camiño están os lugares da Airexe, O Pacio, Pacios de Calvos, A Pedrosa, A Pinza, Valiñas e o casal de Fonte Maior. As casas e muiños do Neo, beira do río Loio, dan á estrada de Portomarin, dende a que en súpeta costa parte a pista que  dá comunicación a todas as aldeas e lugares da freguesía e chega até o lugar da Brea e a Morgade.

Capela de Morgade

Darredor de 1928 foi aberta a estrada de Sárria a Portomarín, e daquela construiron a primeira Ponte do Neo, riba do río Loio, sendo o treito desta estrada transitado por peregrinos en bicicleta  que van cara Paradela.

Por esta parroquia seguindo cara A Agraceira, na parroquia de Santo André, pasaba un dos camiños que ían cara a Feira de Paradela, que se celebraba na parroquia de Santa María de Vilamaior da Lobataira ou de Paradela, na xurisdición de Sárria.

O Couto de Morgade e o seu Hospital de Peregrinos, son merecentes de particular atención.

ÚLTIMAS

“Explorando perdas” con Paula Santos este 28 de outubro no Faladoiro de Quiroga

A cita este mércores na Biblioteca do Centro Social de Quiroga. Coa axuda de...

Monforte destina 47.500€ para unha nova pista polideportiva no barrio das Cruces

A nova pista terá unhas dimensións de 30 metros de lonxitude por 18 metros...

Chantada amplía a superficie do Punto Limpo

A Xunta e o Concello de Chantada colaboran para levar a cabo as obras...

O ensino centra as demandas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Monforte de Lemos é a cabeceira dunha comarca cunha rede educativa ampla, que abrangue...