Durante a tarde do martes día 23 a organización Galiza Nova despregou unha gran Estreleira dende o salto do encoro de Belesar. A bandeira, cunha lonxitude de máis de oito metros, foi pendurada desta estrutura durante a tarde. Esta acción tivo lugar dentro dos actos da III Semana da Patria de Galiza Nova Lugo-Sul, a asamblea comarcal no sur de Lugo da organización xuvenil do BNG.
Con isto, os membros desta organización buscan difundir as actividades organizadas para conmemorar o Día da Patria en Santiago de Compostela e animar á mocidade a que asista a elas. Durante a tarde do martes 24 serán varios os actos que Galiza Nova levará a cabo. Ás 17:30 terá lugar unha homenaxe a Rosalía e Castelao no Parque de Bonaval, seguida por unha ruada pola independencia ás sete. Nestes actos participarán os “youtubers” Brais Doval e Miguel Silva (Aquel-e) e actuará o grupo The Lelli Kelly’s.
Na noite do 24 dará comezo o Festigal no Campus Sur da USC, un evento totalmente gratuíto que se leva adiante grazas ao traballo voluntario das mozas e mozos que compoñen Galiza Nova. Este ano, o cartaz confórmano as bandas De Ninghures, Brassica Rapa, Banda Bassotti e Arrhythmia. O 25 haberá un café concerto a partir das cinco da tarde coas Pandereteiras de Verducido, DudeCan e Güintervan.