InicioMovementos sociaisAdhesivos con fraseoloxía galega para usuarios e usuarias de pediatría

Adhesivos con fraseoloxía galega para usuarios e usuarias de pediatría

A Mesa Pola Normalización Lingüística presenta unha campaña que impulsa a súa delegación de Lemos para a normalización do galego a través dos servizos de pediatría dos ambulatorios do sur de Lugo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A iniciativa desta campaña parte da MESA Lemos, delegación territorial da Mesa Pola Normalización Lingüística, entidade asociativa que defende a lingua galega, o seu uso público e os dereitos lingüísticos dos e das galegofalantes.

Segundo comentan dende este colectivo de Lemos a idea tivérona hai uns anos. Falando como pais coincidían en que as e os pediatras entregábanlles aos seus fillos e fillas uns adhesivos con mensaxes de ánimo ao rematar a consulta, pero claro, sempre en castelán. E foi aquí cando pensaron que se tiveran a opción de ter autocolantes en galego en pediatría poderían agasallar á cativada con creacións orixinais na nosa lingua.

A partir de aquí, e para darlle forma a esta idea, fixeron unha posta en común para buscar frases galegas que fosen o máis populares posible e con mensaxes adaptables a un público infantil. Conseguidas unhas cantas frases, o paso seguinte sería contactar con deseñadores/as, ilustradores/as e debuxantes en xeral para propoñerlles que plasmaran cada frase nun deseño gráfico.

Neste punto, Xosé Manuel Fernández, responsable da Mesa Lemos, conseguiu contactar e animar a doce creadores do sur de Lugo para realizar este encargo e de forma altruísta coa finalidade de fomentar o uso do galego entre as cativas e os cativos.

AUTORES DAS CREACIÓNS E FRASES

Dende a idea inicial ata o momento actual, no que o traballo de elaboración dos adhesivos rematou, deberon transcorrer uns 2-3 anos, e coa pandemia polo medio. Nese tempo elaboráronse 15 deseños, que ilustran outras tantas frases, e no traballo participaron doce ilustradores/as que foron: Noelia Rodríguez Fierro, Manuel García Losada, Elena Patiño (Amanita Studio), Belén Maseda (Deikí), Humberto Loureiro, Borja Doel, Cristina Ouro, Estefanía Padullés, Daniel García e Iria Iglesias (Estudio Gnomo), Sonia Álvarez Carnero e Xosé Manuel Fernández.

Nos adhesivos rematados podemos atopar, entre outras, frases como: “Para o que puido ser non foi nada”, “Tuse para alá”, “Como unha campioa”, “Como un reloxo”, “Dura coma un croio” ou “Forte coma un buxo”.

Deseño de Sonia Álvarez Carnero
Ilustración Noelia Rodríguez

PRESENTACIÓN E COMEZO DA CAMPAÑA

A campaña, ‘Fraseoloxía galega para pediatría’, presentarase oficialmente ao público o vindeiro venres 7 de outubro no salón de actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra (Rúa do Comercio, 6 / Monforte de Lemos) ás 20:00 h.

Intervirán no acto o Presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, o responsable da delegación en Lemos, Xosé Manuel Fernández, e quizais tamén algún e/ou algunha das creadoras.

No acto, comentarase principalmente como xermolou esta iniciativa, coñeceranse os deseños realizados e falarase do seu desenvolvemento, que consistirá en repartir láminas de adhesivos nos servizos de pediatría dos ambulatorios do sur de Lugo. Pero tamén haberá oportunidade para que Marcos Maceira faga a súa valoración deste proxecto e a posibilidade de trasladar a campaña a nivel de Galicia.

ÚLTIMAS

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...