HomeOpiniónCousas que ver por Esperante

Cousas que ver por Esperante

Cando teño tempo para ir ó Courel con calma e acompañado da miña vella cámara gústame parar a falar coa xente. En cada aldea sempre hai un veciño co que pasar o tempo, que pode levar a un a recunchos poucos coñecidos e contarlle contos e vivencias que pasaron hai anos. Así é como se coñece o Courel de verdade, pasando o tempo cos seus veciños e escoitando todo o que  ten que dicir.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Non lembro cando coñecín a Mario, de nome Mario Gancedo. Aínda que non é natural da aldea, nacionalizouse cando casou coa Concha e xa todos o coñecemos como Mario de Esperante.  Mario ten un rebañazo de ovellas e cabras que se poden ver pacendo no taro do pico de Aradelas ou na subida ó Cido; vai con elas e déixaas á súa bola ata que chega a hora de recollelas. Nos seus ratos libres levoume a ver varias cousas moi interesantes como os caleiros de Recón, casi na orela do Lor e moi cerca do castro da Devesa do Rei. Tamén me levou  xunto cos compañeiros do meu clube de espeleo e barrancos, Troglobios CEM de Cambre, ver varias covas aínda que unha delas non apareceu porque estaba o sitio algo cheo de silvas. Tamén paseamos o castro de Romeor, e neste mes de xaneiro fomos ver unhas devesas que algún día terei que patear con calma, as devesas de San Pedro e Riocereixa que están habitadas por unha gran cantidade de faias e acivros.

Mario contou que na mina de Torubio hai unha cova onde vive unha moura que ten un tear con fíos de ouro, falou dunha cova no Cido que anuncia o cambio de tempo porque cando te achegas a elas escóitase un gran ruído que somentes se pode escoitar cando a atmósfera vai facer cambios. Tamén contou que unha vez facendo unha zanxa para unha fosa séptica en Romeor, picando atravesou unha caveira que conservaba todos os dentes pero que ó poñela ó aire converteuse en po. Fala tamén de misteriosas inscricións no canal do acueducto romano de Romeor que leva a auga á mina de Torubio, inscricións que estamos pendentes de ir localizar algún día.

A mina de Torubio. Foto: Guillermo Díaz

Tamén botamos unhas risas buscando a cova do manco por riba de Mostaz; nós pateando monte e el dende a estrada guiándonos co móbil para poder atopar a entrada, que por certo non atopamos e tivo que vir el levarnos. Pasamos tan preto dela que casi caemos dentro e nin nos enteramos. A cova do manco é un pequeno pozo de menos de 20 metros ideal para practicar o tema vertical que nos seus tempos foi tumba de varios animais ben porque morreron e os tiraron ou ben porque alí caeron. O nome da cova vén da que din foi a primeira persoa que baixou a ela, un mestre da zona que tiña un so brazo; digo eu que baixar así sen arnés cunha corda de carro e “a pelo” case o podemos meter dentro da categoría das campás do Pozo da Grada.

Esperante, como todas as aldeas do Courel, foi grande e cheo de xente pero agora xa case non queda ninguén, poucos veciños e case todos maiores, feito que indica que o seu destino será o mesmo que lle espera ó sur da provincia de Lugo, a extinción das persoas e a perda da cultura tradicional, da paisaxe e o esquecemento definitivo. Pero mentras iso non pasa teño pendente facerlle unha boa sesión de fotos a toda a aldea e ós seus habitantes, oir cousas que teñan que contarme e tentar conservar todo o que eles poidan contar.

Queda recomendarvos sitios que ver pola zona así que sacade a libreta de notas e ide anotando pois realmente hai moitas cousas nas que poder aproveitar o tempo sen moverse moi lonxe. Eu comezaría por dar unha volta pola aldea e o seu impresionante souto, collendo polo camiño da ruta do Cido hai unha tara de pedra calía onde mandan as enciñeiras e as orquídeas na primavera. Sen mover o coche unha camiñada á aldea de Carbedo ou achegarnos á beira do río Lor na ponte de madeira que comunica con Seoane; alí hai unha curiosa formación xeolóxica que merece ser tida en conta.Tamén é moi interesante a ruta dos sequeiros de Mostaz, subindo polo camiño que pasa polo foxo do castro da Devesa do Rei podemos subir polo grandioso souto de Mostaz e os seus sequeiros, e se temos tempo achegarnos ós caleiros de Recón que son dun tamaño impresionante.

Mario nos caleiros de Recón. Foto: Guillermo Díaz

Cando cheguemos a mostaz podemos atrevernos a camiñar ata a gran mina de Torubio que ainda que é o dobre de grande que Toca e moitísimo menos coñecida. A esta mina viñan os canáis do gran acueducto de Romeor bordeando as beiras do Lor a gran altura. Deste canal, do que a parte máis coñecida é o túnel da antiga, o trazado que deseñaron é realmente brutal cunha canle tallada na pedra non apta para xente impresionable. Para os menos atrevidos e ‘vagonetas’ hai un mirador moi chulo na estrada onde podemos ver a mina de Toca e baixo os nosos pes temos a mina de Torubio que é tan enorme que costa imaxinar como sería nos seus tempos cando os romanos se dedicaban a desmontar a serra para poder extraer o ouro. Se vos fixades ben poderedes ver a cova da que me falou Mario, e se o día está propicio seguro que poderedes ver tamén a moura co seu tear de fíos de ouro esperando clientes.

Para a vindeira entrega imos cambiar algo de lado e tiraremos para un dos vales máis fermosos de Galicia, o val de Visuña e a súa paisaxe de rochas de cincocentos millóns de anos, covas enormes e devesas escondidas.

ÚLTIMAS

Quiroga Trail Challenge: máis de 400 participantes inscritos no primeiro mes

O QTC25 comeza a súa particular conta atrás anticipando, por parte da organización, o...

72 persoas con contrato laboral grazas ao Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada 23/24, financiado pola Consellería de...

O BNG urxe ao Goberno do PP o arranxo íntegro da LU-651

Iago Suárez lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa que solicitaba...

Teatro para público infantil este 13 de setembro no Multiusos de Monforte

O Concello de Monforte continúa co seu ciclo de teatro correspondente ó segundo trimestre...