Hai poucos días acudín a un convite no Pazo de Tor, organizado polos responsables dun dos espazos culturais que ultimamente están a sementar novas propostas artísticas na contorna da Ribeira Sacra. No encontro, que contou coa presenza de importantes axentes culturais e sociais da zona e tamén doutras partes de Galicia e o resto do estado, falouse da necesidade de establecer redes e xerar sinerxias (cantas veces escoite xa esas palabras e canto custa materializalas…) O caso que, entre presentacións e propostas, varios de nós saímos reforzados na idea da importancia que ten habitar os espazos de maneira consciente. Isto é, non só coñecer as súas características e potenciais máis destacados, senón tamén saber da historia de cada lugar e os distintos significados e significantes que ten na memoria de cada comunidade. Porque os espazos tan só existen no momento en que son habitados, xa sexa unha reserva natural chea de fauna e flora ou unha antiga palleira. É a vida que neles foi evolucionando a que lle dá un sentido último.

Aínda teño recordos de cando o Paseo do Malecón era case un bosque pegado ao centro da nosa pequena cidade. Entre árbores e auga íamos crecendo e imaxinando mundos fantásticos. Lembro como xogabamos, a miña amiga Graciela e mais eu, a converter as cáscaras dos cacahuetes que nos servía O Milucho (fillo) en barquiños improvisados que facíamos partir a escasos metros das mesas nas que os nosos maiores discutían, entre porrón e porrón, as inminentes obras que se ían levar a cabo froito da colaboración dun tal Nazario Pin e un tal Xosé Cuíña. Aquela foi a primeira gran transformación que vivín no barrio no que medrei e no que aínda vivo (ou sobrevivo). Tamén lembro o acto de inauguración das obras co conselleiro do Deza berrándolle alporizado a un pequeno grupo de ecoloxistas (persoas comprometidas cun activismo ambiental que daquelas aínda seguía a ser anecdótico). Aquel Malecón que nos arrebataron será sempre unha cicatriz e ao mesmo tempo un recordatorio fundamental da importancia de ser consciente dos lugares que habitamos.
“Aínda teño recordos de cando o Paseo do Malecón era case un bosque pegado ao centro da nosa pequena cidade”
O recente desmantelamento do quiosco Anchoas situado á beira do río Cabe é unha pequena creba emocional para varias xeracións de monfortinos que, coma min, formamos parte da paisaxe natural e sentimental. Máis alá da súa función como establecemento hostaleiro privado, aquel espazo acabou por ser un lugar común, asociado ás tardes dun lecer tranquilo, ás conversas que acababan por desafiar aos mosquitos ou a fermosa tradición de pedir a penúltima para escoitar os bises das ras.
A desaparición dun lugar así adoita provocar unha sensación de perda difícil de explicar. Non porque desapareza unha simple construción, senón porque con ela esvaece tamén unha parte das vivencias que fomos acumulando ao seu arredor. E ese pequeno recuncho do Cabe era, para moitas persoas, un anaco da memoria colectiva da cidade.
Porén, a nostalxia non debería impedirnos facer unha reflexión máis ampla. O quiosco existiu durante moito tempo nunha situación complexa, vinculada á súa localización nun ámbito especialmente sensible como é a marxe dun río. As normas que regulan estes espazos non xorden por capricho, senón da necesidade de protexer ecosistemas fráxiles e de garantir que o patrimonio natural poida ser conservado para as xeracións futuras.
Nese sentido, a responsabilidade é compartida. Como sociedade, tendemos a incorporar determinados usos e costumes á nosa normalidade diaria ata o punto de esquecer as circunstancias que os fixeron posibles. Co tempo, o que inicialmente podía parecer unha excepción acaba converténdose nun elemento habitual da paisaxe. E cando chega o momento de aplicar a normativa, a sensación de perda convive inevitablemente coa constatación de que o cumprimento das regras tamén forma parte da convivencia.
Quizais o verdadeiro debate non debería situarse entre a conservación dun espazo emblemático e o respecto á legalidade. O reto consiste en atopar fórmulas que permitan compatibilizar ambas as dúas cousas. As nosas vilas e cidades precisan normas claras, pero tamén precisan lugares que faciliten o encontro entre as persoas e a natureza. Espazos integrados na contorna, respectuosos co medio e capaces de fortalecer o vínculo da cidadanía cos ríos, os parques e as paisaxes que forman parte da súa identidade.
A memoria dunha comunidade non reside unicamente nos seus grandes monumentos ou nos acontecementos extraordinarios. Moitas veces habita en recunchos humildes que, co paso do tempo, adquiren un significado especial.
“As nosas vilas e cidades precisan normas claras, pero tamén precisan lugares que faciliten o encontro entre as persoas e a natureza”
O quiosco do Anchoas xa non está… As cicatrices da súa desaparición serán agora un recordatorio máis para os que aínda estamos. Eu non quero habitar espazos enaxenándome das leis e os poucos consensos aos que chegou a cidadanía para o coidado dos nosos espazos. Mais reivindico o dereito a habitar os nosos barrios e non converternos nunha especie de parque temático para guiris durante uns poucos días de xullo.
O actual rexedor dixo que ían estudiar a posibilidade de instalar un quiosco que fose compatible coa legalidade vixente. Non sei en que quedará finalmente a cousa, pero si sei que, se as actuacións que se realicen non contan cun mínimo de participación cidadá e das veciñas e veciños do Malecón, corremos o risco de volver caer no mesmo erro dos anos 90 (que por exemplo acabou co concello renunciando á adquisición e rehabilitación do vello muíño, hoxe en ruínas) e acabar por transformar un lugar, antes cheo de vida nun mero lugar de tránsito ou no que resgardarse do sol de maneira puntual (namentres queden árbores).
Porque as leis non deben ser unha ferramenta para a destrución de memorias, senón abono para poder resignificar e mellorar os espazos comúns, os ríos ou os barrios nos que medrar e desenvolverse sen que o “progreso” ameace o noso dereito a soñar á sombra dunha árbore ao tempo que pedimos esa eterna penúltima e unhas olivas con Anchoas, ata que se seque o Malecón…


