Festa!

Falamos de alegría, de música, de encontros con seres queridos, de comida... e tamén podemos falar dun dos últimos actos comunitarios que resisten. A festa da parroquia, do barrio, é un dos últimos bastións do colectivo, da unidade entre persoas distintas.

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

Vimos da seitura, da malla, da matanza, da construción de camiños e estradas entre toda a xente, tarefas que precisan o socorro mutuo e adoitaban rematar cunha grande celebración, en forma de ramo ou comida. Tarefas duras compartidas, trufadas de bromas e sufrimento, que xa pouca xente lembra. No seu lugar o capitalismo forneceunos dun tempo de indiferenza individualista que esquece de onde vimos, dun tempo en que a dureza do traballo físico se substitúe por unha sorte de martirio psíquico cuxa celebración toma a forma de ansiolíticos e relaxantes musculares.

Nesta ansia en que vivimos non hai un claro modelo novo que nos ofreza alternativa ningunha. Hai, si, moita denuncia e queixa ultraprocesada, de fácil dixestión, mais xa pouco queda do asociacionismo de base, independente e non asalariado do pensamento oficial, que abrollou nos anos 70 e 80 do século pasado, con propostas de modelo cultural/vital alternativo.

No tempo dominado pola ideoloxía neoliberal, servidora do pasado de Oliver Twist, en copa nova de posmodernidade -apropiándome dos versos do trobador-, neste tempo de cambio permanente lampedusiano é máis preciso que nunca berrar festa!: festa de ramistas, de ir facendo peto todo o ano; festa de bar de comisión, xente a traballar de forma desinteresada pola colectividade; festa de procurar actividades coas que encher un programa para xente nova, vella e intermedia, cun imprescindíbel ramo final, en forma de churrascada popular e queimada “de balde”, para toda a comunidade igual.

Por iso, a pesar dalgunhas derrotas fronte á modernidade, como a de introducir panoramas que non son orquestras senón berrallouzas, que emboban á xente e non deixan bailar; a pesar de todas as tachas que poidan pór algúns profetas da modernidade, que son máis de falar que de dar trigo, a pesar do panteísmo vampirizado desde hai máis de 2 milenios, berremos forte, festa!

Porque a festa é un dos últimos vestixios onde recoñecer o mellor do que fomos, onde reside o xerme do que algún día debemos ser. Porque a festa permite que bailen as fillas dos pais que non se falan, porque a festa nos fai sentir orgullo de pertenza á comunidade, porque a festa é un exemplo de resistencia do colectivo fronte ao individual, do nós, por riba do eu, do “non te preocupes que che botamos unha man se ti non podes”, porque, como dicía aquel magnífico “La Bola de Cristal”: só non podes, con amizades si.

E porque o mundo está cheo de xenreira, de intereses pequenos que nos privan dos grandes praceres do compartir, do celebrar en común, berremos, ben forte, festa!

Tal vez conviría mandar un equipo de ramistas ao Congreso de los Diputados, para que, nesa torre de babel cun monolingüísmo blindado a proba de intelixencia, se suban á tribuna de oratoria, desde a que algún día falou a imprescindíbel Clara Campoamor e ben alto e ben forte berren: Festa!

ÚLTIMAS

RIOTORTO, EPICENTRO DA ARTESANÍA DO FERRO DE GALICIA

A XV Feira de Artesanía do Ferro foi presentada o pasado 18 de abril coa presenza...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...