HomeOpiniónBalance da nova normalide en tempos de "rebrotes"

Balance da nova normalide en tempos de “rebrotes”

Cando parecía que íamos recuperando a nosa vida, os rebrotes fan pensar que estamos máis preto do novo confinamento que da nova normalidade. Agardemos que non sexa así e aproveitemos para facer balance do acontecido ata agora.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Os ciclos da agricultura foron do pouco que escapou dos efectos do coronavirus. As uvas xa están co envero avanzado e a vendima deste ano vai ser das máis madrugadoras da última década. Pragas como a botrite, o mildeu ou o oidio deixáronse sentir este ano con bastante forza pola suba das temperaturas medias e pola humidade dos meses de primavera. Pragas que, por outro lado, tampouco afectaron en exceso de xeito que a colleita apunta a ser bastante elevada. Haberá que ver como inflúe esto no prezo da uva e se os adegueiros teñen espazo suficiente para almacear o viño novo e todo o que non puideron vender durante o confinamento. Medidas como permitir que nas botellas novas se inclúa ata un 30% de viño “vello” parecen a mellor solución para afrontar un exceso de stock sen que a calidade do viño se resinta no máis mínimo.

Campañas de fomento do consumo de Ribeira Sacra e a solicitude de algún tipo de exencións ou moratorias fiscais para adegas e viticultores serían outros elementos a ter en conta para paliar os efectos da crise nun sector que, non o esquezamos, sustenta non só o eido vitivinícola senón tamén o turismo vencellado á paisaxe.

Ribeira Sacra / XdL

Turismo post-pandemia

Respecto do turismo, paseniño vai remontando e retomando a actividade. As campañas virtuais desenvolvidas polo Consorcio, a Ruta do Viño e por particulares permitiron manter vivo o interese pola nosa zona e os visitantes están a volver pouco a pouco. Ou moito a moito nalgúns lugares como a praia fluvial do Saviñao. Se cadra o turismo post-pandemia é do tipo que realmente convén a esta zona. Grupos pequenos, espaciados e con tempo suficiente para desfrutar intensamente de todo o que ofrece a zona. O que se coñece como turismo de calidade. Interesa que veña xente pero non que este sexa o Sanxenxo interior. E tamén hai que dicir que o medo de parte da cidadanía ás aglomeracións tamén axuda a taer visitantes a zonas menos tradicionais no verán.

Este ano estaba previsto que as verbenas fosen declaradas Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia pero a pandemia paralizou o trámite parlamentario. En todo caso non periga esa declaración porque foi aprobada por unanimidade no parlamento. As verbenas son a salsa do verán en toda Galicia e tamén aquí. Sen embargo, nas parroquias é cada vez máis complicado organizalas. Non hai xente nin para a Comisión (así, con maiúsculas) nin para soltar a pita coa que pagar orquestra e representante. En moitas delas é posible que para o ano xa non se retomen porque “se xa o ano pasado non a houbo…para que matarse neste.” O verán é un tempo de música e este ano os músicos pouco se han ver. Pero aínda se pode artellar o xeito de encher as rúas de melodías sen que eso supoña un risco.

Verbena / europapress.es

Optimismo moderado e vicios incorrexibles

Nas gandarías tampouco se notou en exceso o coronavirus. Non constan casos de contaxio e a produción de leite e carne non se viu alterada. O peche da hostalería puido frear algo ese tipo de consumo pero non de xeito alarmante porque se incrementou o consumo doméstico. E máis ben afectou aos produtos gourmet. No caso dos produtores de leite, a normalidade -a aberrante normalidade- volveu puntualmente en forma de baixada unilateral de prezos en orixe por parte da industria. Tanto ten que subira o consumo, tanto ten que houbera contratos asinados. Hai vicios incorrexibles.

As calores estivais -este ano o tempo está a axudar- fan que esteamos case todos cun optimismo moderado. Cada rebrote supón un golpe pero seguimos confiando en que todo vai mellorar. Eso non pode facer que esquezamos os empregos que xa se perderon, os negocios que xa pecharon ou os eventos que se cancelaron. O balance é que a cousa non foi tan mal como podiamos pensar a finais de marzo. Nin tan ben como pensamos a comezos de xuño. Outro día falaremos de saúde e vida que, ao fin e ao cabo, son as que manteñen todo o demais.

ÚLTIMAS

Campus de Voleibol e de Fútbol en Quiroga

O Concello de Quiroga poñerá en marcha un ano máis, e xa van 5,...

O Concello de Chantada aumenta a capacidade e mellora os servizos do punto limpo

O Concello de Chantada vén ampliando e mellorando o punto limpo do municipio desde...

305.000€ para un novo aparcadoiro no Polígono do Reboredo en Monforte

O aparcamento actual, que se ubica na marxe esquerda da vía principal do Polígono,...

Aberto o prazo para a ludoteca de verán de Triacastela

As actividades da ludoteca terán horario de 09:30 a 14:00 horas. Ofértanse 20 prazas...