HomeOpiniónMouriño e a cuba

Mouriño e a cuba

Mouriño Cuba deixou unha desas frases que quedarán na memoria colectiva da Ribeira Sacra “O que fixemos foi prender a luz nunha comarca que a tiña apagada porque non sabía dela. E a luz era o viño.” Vaia se o era…

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Fálase estes días na prensa da ansiada aparición do novo libro de José Mouriño Cuba “Ribeira Sacra. Origen y evolución de la Denominación de Calidad”. Obra clave para coñecer como se xestou o que hoxe é o proceso económico, social e cultural en torno ás beiras do Miño e do Sil. No primeiro tomo de “Alicerces. Revista de estudos do Miño medio” (2015) tiven o privilexio de entrevistar a Mouriño para que nos falara precisamente daqueles comezos que non foron doados e que nese tempo comezaba a plasmar no que hoxe é o seu libro.

Sempre restando importancia o seu traballo e presentando os logros como un labor colectivo, José deixou unha desas frases que quedarán na memoria colectiva da Ribeira Sacra “O que fixemos foi prender a luz nunha comarca que a tiña apagada porque non sabía dela. E a luz era o viño.” Vaia se o era…

Malia que no momento de entrevistalo xa estaba desfrutando da xubilación, puiden comprobar que seguía a vivir con intensidade os pasos que se daban na Ribeira Sacra. Igual que un pai segue os avances dos seus fillos. E, o que é máis importante, seguía cargado de ideas e proxectos para desenvolver. “Na ribeira sempre se pode facer algo máis”. Con esa frase comezaba a súa explicación sobre a ordenación do territorio que el consideraba máis acaída para conquerir o desenvolvemento de todo o noso potencial. Recupero aquí a idea porque coincido plenamente con  ela: Na parte máis alta das beiras do río débense plantar castiñeiros; nas zonas medias árbores froiteiras -especialmente cerdeiras- e na parte baixa manter e aumentar os viñedos. Así diversificaríanse os cultivos, aumentaría a cantidade e calidade dos mesmos e a paisaxe sairía gañando.

Lembro tamén que Mouriño sinalaba a castaña como asignatura pendente nesta comarca e pedía máis coidado dos castiñeiros, máis proxectos industriais vencellados ao froito, máis protección para o produto e os produtores autóctonos e máis aproveitamento das posuibilidades turísticas dos soutos. Parece que neso andamos.

Mouriño engadía que esta ordenación de terreos e cultivos debera levar aparellada a creación do que el chamaba “micropolígonos” de desenvolvemento e que viñan ser pequenos negocios espallados pola ribeira onde se puidera dende degustar o viño ata mercar artesanía, coñecer a historia da zona ou ver como se fai a augardente. E tamén insistía en que a abundancia de adegas nunca podería ser un problema senón unha riqueza porque moverían moito turismo, crearían máis emprego e repartirìan mellor a riqueza que xera a ribeira. Paseniño e con todos os condicionantes, os proxectos que van xurdindo veñen dar a razón a Mouriño Cuba.

Valorar o que temos para facer que o valoren os demais

O gandeiro que monta unha sala de ordeño móbil, o que ceba os bois con centeo, quen arrinca piñeiros para plantar olivareiras ou quen é capaz de combinar sistemas intensivos e produción ecolóxica, calquera novo proxecto que xorde no mundo rural vai ter moitos máis inimigos que adeptos. E quen o pon en marcha vai ser tachado, como mínimo, de tolo. Ninguén o recoñecerá cando o proxecto triunfe, pero así é.

E así sucedeu tamén cando Mouriño traballaba para conquerir o que é a Denominación de Orixe. Hoxe resulta chocante pero daquela era endémica a resistencia de boa parte dos viticultores a crer no proxecto do que actualmente é Ribeira Sacra. José explicou que os técnicos tiveron que desenvolver o labor pedagóxico e de acompañamento que correspondería os sociólogos. Así, contounos como máis dunha vez tivo que podar unha cepa ou axudar a encher un pipote para reforzar a súa credibilidade. Parece incrible, visto onde chegamos e onde podemos chegar, que houbera receos a establecer un regulamento e uns mecanismos de promoción para os nosos viñedos. Pero así foi e a Mouriño Cuba debemos en boa medida que se venceran eses temores.

Mouriño Cuba (arquivo) / campogalego

Neste país somos expertos en criticar a funcionarios e políticos. Probablemente con razón máis dunha vez. Pero no caso de Mouriño Cuba só podemos agradecer a súa entrega, a súa visión e a súa axuda. A súa carreira profesional transcorreu moito máis tempo a pé da leira que na oficina. E os resultados nótanse en toda a provincia de Lugo.

Só queda, pois, recomendar vivamente a lectura detida do seu libro porque atoparemos no pasado moitas claves que explican o presente e porque comprobaremos que moitas veces só é cuestión de que sexamos quen de valorar o que temos para facer que o valoren os demais. Ah, e queda tamén desexar que a edición do libro en galego saia o antes posible.

ÚLTIMAS

Aberto o prazo de matrícula para os Cursos de Verán do Conservatorio de Monforte

Ó igual que nas pasadas edicións, os cursos vanse desenvolver en diversas semanas tanto...

Que hai que agochar nos parques comarcais de bombeiros para prohibirnos a entrada?, pregúntanse os populares

Os deputados populares preguntan a José Tomé “que ten que agochar” nos parques comarcais...

Xornada de sensibilización sobre acromatopsia no colexio monfortino da Gándara

O motivo de celebrar esta xornada en Monforte é debido a que unha alumna...

Campus de Voleibol e de Fútbol en Quiroga

O Concello de Quiroga poñerá en marcha un ano máis, e xa van 5,...