OPINIÓN: Deberes para o 2023

"Pero o máis importante de todo é que se mostre unidade e se deixen de facer cousas en función de cores políticas e de ideas de cada un", sentencia Guillermo despois de facer unhas reflexións para mellorar e darlle pulo ao Courel de cara a este novo ano.

Xa chegou o ano novo hai case que un mes e seguro que todos ou case todos nos puxemos algún obxectivo para cumprir durante estes vindeiros doce meses, o meu particular é sobrevivir outro ano máis como autónomo que para o vinte de xaneiro xa farei un aniño metido na lea, o que non sei é como celebralo cunha festa de aniversario ou cun bonito cabodano.

Éche ben duro estar deste lado e buscarse os garavanzos nun sector que promete moitas oportunidades de traballo pero que tamén presenta unhas carencias máis que evidentes. Por un lado os que nos dedicamos a levar a xente polo monte tentando cumprir coa lexislación en vigor (tede en conta que cada comunidade autónoma ten as súas normas e en Galicia por desgraza os guías somos tratados como apestados) atopámonos cunha competencia que nin paga impostos, nin seguros nin ten a formación axeitada para impartir estas actividades, como sempre a Xunta lexislará cando pase algunha desgraza, así nos vai.

“Atopámonos cunha competencia que nin paga impostos, nin seguros nin ten a formación axeitada para impartir estas actividades

Nesta zona que tanto prometía tampouco vexo que o sector turístico acabe de despegar como debe ser, a xente dá síntomas de fartarse de vir  por aquí, algo que está comezando a verse e que nun medio prazo vai ser un gran problema para a supervivencia do territorio; a gran tarefa para o sector deste ano será posicionarse e saber promocionarse por aí adiante, non me farto de repetir que fóra de Galicia somos moi pouco coñecidos e así non se vai a ningures.

Courel. Foto: Guillermo Díaz

Tamén estamos en ano electoral e todo apunta que as cadeiras non están todo o ben atadas que se podía crer, pode haber sorpresas e as cousas irán moitísimo máis xustas que hai catro anos. É momento de esixir ós que mandan de verdade que se impliquen no territorio; fan falla moitas cousas pero sobre todo unha boa rede de comunicación con acceso á rede de banda ampla en tódalas aldeas, mellora das vías de comunicación e mellores servizos para que a xente nova e que ten fillos non marche con eles para darlles unha mellor vida. Vemos estes días que en catro anos houbo unha enorme perda de poboación, o envellecemento xa é imparable e os pequenos que nacen non abondan para parar a sangría; é urxentísimo que veña xente nova as nosas montañas pero coas condicións de equipamento e servizos que temos é tarefa imposible, virán pero acabarán marchando. Para aqueles que veñen con aires novos compre lembrarlles que por moitas promesas que fagan as hostias que dá a realidade poden ser ben gordas, un quere comerse o mundo pero normalmente o mundo termina por comerse a un.

“… é urxentísimo que veña xente nova as nosas montañas pero coas condicións de equipamento e servizos que temos é tarefa imposible, virán pero acabarán marchando”

Necesitamos con urxencia un apoio decidido e con cartos ó noso Xeoparque que é o único que está a promocionar de verdade o noso territorio, un proxecto xurdido dende “abaixo” que é a nosa corda onde temos que agarrarnos. Hai que repensar moi profundamente as políticas ambientais como nos lembraron os lumes deste verán, conservar a paisaxe que é o noso escaparate para o mundo, ninguén quere vir a ver pistas sen sentido, cortalumes que non funcionaron e plantacións industriais de especies pirófitas. Cómpre apostar polos produtores de mel e castaña, pola gandería, polas actividades de turismo activo, por unha hostalería de calidade, pola protección do medio natural, por unha xestión do territorio, pola protección dos nosos maiores e crear os medios para que os novos non marchen e veña xente nova.

Pero o máis importante de todo é que se mostre unidade e se deixen de facer cousas en función de cores políticas e de ideas de cada un. Unha tarefa para todos, os que mandan deberían oír un pouco máis ós que non mandan e sobre todo respectalos un pouco máis; e os que non mandan deberían respectar ós que mandan e atopar puntos de unión e consenso, e tamén mostrar o mesmo respecto e non buscar o enfrontamento por cada cousa que aconteza. É máis doado ver pasar a un camelo polo ollo dunha agulla que ver sentados nunha mesa de festa e tomando uns viños sen sacar as navallas ás distintas opcións políticas do Courel. E mentres iso pase non sairemos do pozo.

“É máis doado ver pasar a un camelo polo ollo dunha agulla que ver sentados nunha mesa de festa e tomando uns viños sen sacar as navallas ás distintas opcións políticas do Courel”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here