HomeOpiniónOPINIÓN: Temos a primeira campioa do Bóveda Slam Poetry, Iria Seoane

OPINIÓN: Temos a primeira campioa do Bóveda Slam Poetry, Iria Seoane

Crónica do primeiro combate a golpe de versos da Ribeira Sacra, en Bóveda.

Publicado o

POR
Xosé Casar (Piteira)
- Advertisement -

O día 25 de marzo inauguramos o noso Bóveda Slam Poetry co primeiro combate a golpe de versos da tempada. Os preparativos da velada, os últimos detalles, leváronse a cabo no medio dunha gran excitación, agardando que chegasen as e os poetas que se inscribiran.

Ao fin comezou. O público sentábase nas cadeiras expectante, sen saber exactamente que era o que ía acontecer enriba do escenario do centro sociocultural de Bóveda. Algúns deles tiñan nas mans unhas cartolinas enganchadas cunha argola e uns taboleiros que lles deran ao entrar, outros só tiñan cartolinas. A maioría non sabía para que lles deran semellantes obxectos e a intriga reflectíase nas súas expresións.

“O público sentábase nas cadeiras expectante, sen saber exactamente que era o que ía acontecer enriba do escenario do centro sociocultural de Bóveda”

Despois da necesaria explicación do funcionamento do slam, que todos atenderon con moita atención, uns asombrados, outros impacientes por participar, o primeiro slamer interpreta a súa peza poética (Se en tódolos espectáculos o público é un elemento moi importante, no slam é imprescindible, xa que intervén no transcurso da súa evolución). A súa actuación provoca os primeiros aplausos da velada, dun público pouco numeroso pero moi entregado. As persoas que teñen taboleiros anotan neles a puntuación que lles mereceu. Á voz de un, dous, tres, slam! levantan os taboleiros para que todos poidamos ver as puntuacións. Así, un poeta tras outro, chega o final da primeira rolda.

Agora, despois duns minutos de música en vivo, os tres poetas que acadaron pasar á segunda rolda soben ao escenario. Desta vez son as persoas que teñen as cartolinas as que interveñen. Despois de que reciten os tres slamer, á voz de un, dous, tres, slam! levantan a cartolina coa cor que identifica ó ou á poeta que máis lles gustou.

Público asistente ao Bóveda Slam Poetry. Foto: Rocío Peruchela.

O sorriso nos beizos e a ledicia nos ollos, tamén o ademán de asombro, non deixaron de estar presentes no transcurso do evento. Rematamos o slam cos consabidos agradecementos, sobre todo ós e ás poetas e ó público, que estivo xenial, e co anuncio do vindeiro slam para o mes de maio. Fómonos para a casa con aquel sorriso e aquela ledicia que estivo presente durante toda a velada e pensando xa no seguinte combate.

“O sorriso nos beizos e a ledicia nos ollos, tamén o ademán de asombro, non deixaron de estar presentes no transcurso do evento”

E das poetas e dos poetas, que imos dicir? Só podemos agradecerlles infinitamente o xeito co que nos fixeron gozar coas súas interpretacións, cos seus poemas, e agardamos telos nos seguintes combates.

Pero, cales foron os gañadores do Slam I do Bóveda Slam Poetry?

Dúas poetas e un poeta acadaron a segunda rolda e deleitáronnos cunha fermosa peza cada un:

A primeira posición, a cunca de ouro, foi para Iria Seoane, que nos recitou un poema, non moi longo, pero cunha mensaxe e unha interpretación que non deixou indiferente ao público. Iria quedou así clasificada para a Gran Final do mes de novembro.

A cunca de prata e a cunca de bronce acadáronas respectivamente, a slamer Noa Moreira e o slamer Guille, que tampouco causaron indiferenza e foron moi aplaudidos por un público agradablemente sorprendido por un acontecemento tan inesperado.

A alta calidade dos poemas e a satisfacción dos poetas e do público demostran que temos razón, que a poesía oral e escénica ten o seu recuncho tamén no rural.

ÚLTIMAS

Feira de Artesanía e Produtos Lucenses, o 22 de xuño na rúa Cardenal de Monforte

A actividade enmárcase dentro da programación de E para vivir Lugo. Na rúa Cardenal...

Alumnado de primaria do CEIP Xoán de Requeixo amosa en debuxos a súa visión do Folión de Carros

Rapazas e rapaces deste centro de ensino elaboraron carteis nos que tiñan que recoller...

Conta atrás para o San Xoán de Sarria

Paseniño, paseniño, vanse achegando as Festas Patronais de San Xoán de Sarria, unha celebración...

O PP de Monforte propón bonificacións fiscais para evitar a perda de poboación

O PP de Monforte defenderá no pleno deste mes unha modificación da ordenanza fiscal...