HomeOpinión"Nin nobres, Nin súbditos" protestan desde Encontro Galego pola República pola visita...

“Nin nobres, Nin súbditos” protestan desde Encontro Galego pola República pola visita do Duque de Alba a Monforte

Dende o Encontro Galego pola República -unha plataforma republicana integrada pola Plataforma Galega pola Terceira República, o Partido Comunista de Galicia e o Comité Galego do PCE (ML)- amosan a aberta hostilidade ante a inminente visita do membro da nobreza e o recibimento con honras polas institucións democráticas do concello

Publicado o

POR
Encontro Galego pola República
- Advertisement -

Durante esta fin de semana o duque de Alba, Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo visitará Monforte de Lemos para ser recoñecido fillo adoptivo da cidade polo pleno municipal en sesión extraordinaria o sábado pola mañá.

Dende o goberno municipal, liderado polo socialista José Tomé Roca a visita do nobre español “véndese” á veciñanza monfortina como un extraordinario fito e un momento destacado da historia recente de da vila, xa que a anterior visita dun representante do ducado remóntase a 1960, cando Cayetana Fitz-James Stuart y de Silva, acompañada do seu primeiro marido visitaron as ribeiras do río Cabe. Pero mentres naquela ocasión a representante da casa de Alba recibía honores dunha ditadura fascista, nesta ocasión, as institucións democráticas, co alcalde José Tomé á súa cabeza, axeóllanse ante un dos máximos representantes da tradición máis autoritaria, despótica e aristocrática do Estado Español.

Aínda que dende o concello se queira conferir á visita do actual duque de Alba dun carácter entre ornamental e protocolario, e argumentando que é unha actividade que fomentará o turismo, o certo é que esta ten connotacións moito máis profundas. Carlos Fitz-James Stuart é o XIII duque de Lemos, o último representante dunha dinastía creada no século XIV. Polo que o alcalde de Monforte, con esta visita, recoñece os dereitos herdados de Carlos Fitz-James Stuart e degrada á condición de súbditos á veciñanza do municipio que el goberna.

A casa del Alba é a principal estirpe da nobreza do Reino de España e atesoura un dos patrimonios máis abultados de todo o Estado. Calcúlase que o prezo do seu patrimonio superarían os 3.500 millóns de euros entre obras de arte, inmobles e algúns dos palacios máis impresionantes do patrimonio nacional. Pero se por algo é realmente coñecido o ducado é polas propiedades agrícolas que acumulan. Aproximadamente 34.000 hectáreas. É esencialmente o poderío terratenente o que explica a vinculación da Casa de Alba co poder político, e concretamente o apoio de Jacobo Fitz-James Stuart y Falcó, XVII Duque de Alba, primeiro ao golpe de estado do Xeneral Sanjurjo e máis tarde ao protagonizado por Francisco Franco e que orixinou unha guerra civil.

A Casa de Alba tamén participou na represión franquista ao campesiñado, usurpándolle as terras que o goberno lexítimo republicano repartira entre os traballadores e traballadoras do campo. Neste sentido, existen episodios especialmente cruentos como o acontecido na finca “Las Arroyuelas”, na localidade andaluza de Carmona, cando a ditadura fusilou a varios dos campesiños que traballaban a finca antes de entregarlle esta á Jacobo Fitz-James Stuart. Por todo isto, o avó do actual duque de Alba, foi un convencido defensor da ditadura de Francisco Franco (e das posicións máis inmobilistas dentro desta) ostentando cargos de responsabilidade política durante toda a súa vida, como embaixador no Reino Unido.

Para terminar dende o Encontro Galego pola República queremos expresar algo que aínda que obvio e evidente non deixa de ser necesario. Os títulos nobiliarios, a aristocracia, os privilexios herdados de pais, nais a fillas e fillos son incompatibles con calquera sentido da democracia. Dende a monarquía ata o último barón son o símbolo dun sistema político antagónico á democracia e aos valores que esta representa. É preciso lembrar que no 1931 a Constitución da Segunda República aboliu legalmente todos os títulos nobiliarios de España e non foi ata o triunfo das tropas franquistas cando os privilexios da nobreza foron restituídos.

Case un século máis tarde a corporación municipal do concello de Monforte vai conceder honores institucionais ao representante máis emblemático da memoria autoritaria, e incluso diríamos absolutista, do Estado Español.

ÚLTIMAS

Premios da XXVIII Cata do Viños da Ribeira Sacra

Este venres pola tarde levouse a cabo a entrega de galardóns da XXVIII Edición...

Máis fondos para mantemento de camiños rurais reclama o PP de Monforte

Os camiños rurais, explican desde o PP; son esenciais para vertebrar e conectar núcleos...

Fin de semana de festas patronais en Oural

A Xunta de Galicia colabora coas festas patronais de Oural, en Sarria, que se...

Carrilanas e xogos tradicionais en Folgoso do Courel

Un ano máis, o Concello de Folgoso do Courel dedícalle unha xornada ás tradicións...