HomeOpiniónOPINIÓN.-"Os Taboada de Quiroga: unha familia marcada pola guerra incívica"

OPINIÓN.-“Os Taboada de Quiroga: unha familia marcada pola guerra incívica”

(In memoriam do benquerido amigo Alfonso Taboada González, avogado, que fixo a mili como oficial de milicias en Parga xunto ao poeta Manuel María).

Publicado o

POR
Xosé Estévez (Historiador)
- Advertisement -

Nesta vida un nunca para de recibir sorpresas. Vivín a nenez, a adolescencia e a xuventude moi preto da “Tabacalera”, na praza maior de Quiroga, o fogar da numerosa e importante familia Taboada. Lembro coa nostalxia correr tras do vento nesa praza, onde xogabamos ó fútbol, ás bolas e ó manrro. Por suposto, non sospeitabamos ren das desgrazas que asoballaron a unha non desprezable parte dos integrantes desa familia por mor da “Guerra Civil, Incivil e Pluscuancivil”, como a nomeaba o inesquecible xornalista “Borobó”.

Destacaba a impoñente personalidade de Dona Flora, alta, esvelta, lanzal, de cabelos brancos ben peiteados e porte elegante, que aparentemente daba a impresión de pertencer a unha caste aristocrática superior,–de feito estaba emparentada co Conde de Torre Novaes–, e, por conseguinte, de ideoloxía do réxime e de dereitas, extensible ao resto do clan familiar. Mais a realidade era moi outra. Non hai máis que indagar un anaco nas biografías dalgúns membros máis salientables. Puiden realizar esta labor nas pasadas vacacións de Semana Santa no seu fogar quirogués, “A Tabacalera”, grazas a información doada por Pepita, viúva de Alfonso Taboada González, fillo de Alfonso Taboada Montoto, e do seu fillo, Xavier. A eles o meu máis fervente agradecemento.

 A REPRESIÓN “MENOR”

Sufriron o que poderíamos chamar dalgún xeito represión menor a cargo do franquismo vitorioso e sanguinario algúns membros da familia.. Concha, filla de Luis Taboada Fernández, casada con Guillermo Díaz Plaja, pertencentes os dous ao corpo docente, católicos, padeceron un proceso de depuración.

Laura Guerra Taboada, viúva do médico ferrolán Román Pérez, compañeiro de estudos de Castelao, filla do enxeñeiro de ferrocarrís, Carlo Guerra e de Fernanda Taboada Fernández, docente, sufriu depuración entre 1936 e 1942.

Fillos de Laura eran Fernando Pérez Guerra e Ernesto Guerra da Cal. Fernando, avogado, da promoción de 1933 na Universidade Central, pertenceu durante a Guerra ás JJSS e integrouse no corpo xurídico militar da República, formando parte do estado maior do famoso coronel, máis tarde xeneral, Vicente Rojo, un dos mellores estrategos do exército republicano. Por mor da represión contraería unha forte depresión e morreu nos anos 1950 nun accidente de automóbil. Deixou un libro inédito de poemas, “Inicua rueda”, que reflicten os seus problemas mentais. A súa nai publicounos en 1955 como “devoto homenaje a la memoria de mi hijo”, con prólogo do seu parente e ilustre escritor, Guillermo Díaz Plaja, académico da Real Academia Española, e epílogo doutro eminente escritor, Federico Muelas. Contén dous poemas en galego, ”Invernía” e “Dítico”, que lembran o estilo de Rosalía. E que dicir do outro fillo de Laura, o dabondo coñecido Ernesto Guerra da Cal (Ferrol, 1911-Lisboa, 1994), oficial do exército republicano, exiliado, catedrático de Columby University de New York, finado en Portugal, prolífico escritor, republicano, reintegracionista, independentista e nostálxico teimudo do val de Quiroga, como revelan os seus libros, “Lúa de Alén mar” e “Rio de sonho e tempo”.

Dous irmáns de Laura Guerra, Carlos e Consuelo, non se libraron da conseguinte represión. Do primeiro sabemos que pertencía ó Corpo de Oficiais da República, destinado en 1936 a Sección Topográfica, 4ª división, con guarnición en Barcelona. Ao remate da contenda foi xulgado polo Tribunal Militar Territorial de Madrid en xuízo sumarísimo e condenado a varios anos de cárcere. A súa irmá, Consuelo, mestra, tamén foi depurada en Lugo entre 1936 e 1942.

A REPRESIÓN “MAIOR”

Mais compre falar máis daqueles Taboadas que apandaron cunha represión rexa, incluída a morte, que eran a farturenta prolo do matrimonio Inocencio Taboada Fernández e Florinda Montoto Barral.  Ambos tiveron once fillos: Julia, Mario, Inocencio, Carmen, Manuel, Luis, Alfonso, José, Flora, María e Álvaro.

O terceiro fillo, Inocencio Taboada Montoto, en 1936 contaba 50 anos e era industrial, remitente ou exportador  de peixe en Vigo. Amigo persoal de Santiago Casares Quiroga era membro da ORGA e elixido vocal do Comité Executivo do PRG (Partido Republicano Galego) en 1933. Nalgún texto aparece como militante do PG e masón. Na listaxe dos militantes do PG non está nomeado e masón podería selo, pois á masonería pertencían moitos afiliados de Izquierda Republicana. Co golpe de estado do 18 de xullo foi detido e asasinado polos falanxistas en Cabral, formando parte dos 22 matados polo franquismo, nados no concello de Quiroga (Lugo). No informe oficial constaba que fora “a causa destrución de masa encefálica por proxectil de arma de fogo”. Foi asasinado o 15 de setembro de 1936 xunto a Eugenio Arbones Castellanzuelo (médico), Segundo Echegaray García (fillo do proietario da Illa de Toralla), Alfonso Morgade Pazos (médico), Luis Bilbatúa Zubeldia (jefe de telégrafos), Abraham Muñoz Arconada (oficial de prisións) e Marcial Araujo Conde (militante comunista).

Na Avenida da Ponte de Cabral, impulsado pola Asociación viguesa da Memoria Histórica, inaugurouse un monumento, realizado polo escultor Ricardo Arias Alén, en 2007, en  lembranza e homenaxe destes asasinados cometidos polo bando franquista, cuxos corpos foron atopados nas cunetas desa mesma estrada no ano 1936. Como di a peza de louza inserida no monumento: “NESTE LUGAR ÁS DÚAS BEIRAS DA ESTRADA/ AO MENCER DO 15 DE SETEMBRO DE 1936 /  APARECERON ASASINADOS POLOS FASCISTAS / OS CORPOS DE / MARCIAL ARAÚJO CONDE / EUGENIO ARBONES CASTELLANZUELO / LUIS BILBATÚA ZABELDIA / SEGUNDO ECHEGARAY GARCÍA / ADOLFO MORGADE PAZOA / ABRAHAM MUÑOZ ARCONADA / INOCENCIO TABOADA MONTOTO / O POBO NON ESQUECE / 15 DE SETEMBRO DE 2007”.

O monumento foi esborranchado ós dous días da súa inauguración (tal como aparece na fotografía inferior), probablemente por algúns desalmados que non lle gusta a memoria histórica e democrática.

Luis Taboada Montoto era o sexto fillo do matrimonio Inocencio Taboada e Florinda Montoto. A memoria do cárcere da Coruña publicou unha pequena biografía deste persoeiro, con data do 4 de xullo do 2022, incluíndo unha fotografía súa intervindo oralmente nun mitin no monumento aos mártires en Carral o 20 de maio de 1931, que axuntamos, aos poucos días da implantación da II República. Era concelleiro do Concello da Coruña e militante de Izquierda Republicana. Destinado en Pamplona como enxeñeiro de ferrocarrís foi recluído na prisión desa cidade. Consta que pagou unha multa de 400 pts. Existe unha carta de Luis Taboada, procedente do arquivo familiar dos Taboada na coñecida casa da Tabacalera en Quiroga. Chama a atención o requintado galego na que está escrita en 1943 e o humor que destila ao recibir un queipo cheo de produtos dun porco quirogués, enviado pola súa irmá Flora, a quen este servidor coñeceu. Manifesta, sen dúbida, a querenza galeguista do autor, malia a represión deses anos.

Do fillo de Luis Taboada Montoto, José Taboada Crespo, publicou o 18 de xaneiro do 2021 unha breve biografía a asociación Memoria do Cárcere da Coruña, baixo o título ”José Taboada Crespo. Do cárcere ó mundo da ficción”, con fotografía incluída, que reproduzo con algunhas correcións.

De familia republicana. O seu pai Luis Taboada Montoto, nacido en Quiroga (Lugo) quedou viúvo de María Crespo Neira pola gripe de 1918 e foi vivir a Coruña. O seu fillo José Taboada Crespo, que  nacera en 1917 en Quiroga, estaba afiliado ás Xuventudes Socialistas. Foi, como tantos, preso no cárcere da Coruña, na cela número 1, con outros sete reclusos. Foron longos nove meses.

Cando tiñan lugar as sacas “armábanse” coas patas da mesa, armas que no foi necesario utilizar. Pasado o tempo sempre pensaban que ía haber un “canje” de prisioneiros, que nunca tivo lugar. De noite lembraba os terribles sons dos tiros dos que fusilaban no campo da rata.

Nunca quiso hablar de aquello. Aprendió en carne propia y familiar lo peligroso de expresar sus ideales. Y bien entrada la democracia, aún no se sintió libre de poder expresar su pensamiento político con naturalidad. Simpatizó con el partido comunista de Santiago Carrillo. Pero no se volvió a afiliar a ningún partido político en democracia, tenía sus ideas y no las expresaba con libertad, eran temas difíciles de tratar por épocas de miedos y traumas“, afirman os familiares.

Vivía en A Coruña, en la “casa azul” de Fernández Latorre. Estudio Economía y su primer trabajo fue en el cine Savoy (propiedad de Laboratorios YER) cuyo dueño Emilio Rey era amigo de su padre Luis, donde comenzó a conocer la profesión. Que acabó controlando perfectamente en todos los puestos que eran necesarios para la cinematografía”.

Comenzó como botones y su inteligencia y buen hacer hicieron que marchara a Madrid a finales de 1940, a gestionar el cine “Voy” que los Laboratorios acababan de comprar. En la oficinas de los Laboratorios YER, fue donde conoció a Encarnita que desempeñaba labores de mecanógrafa con la que luego casaría.  A finales de los años 40, la empresa a la que pertenecía compra el Palacio de la Música y él pasa a gestionar y dirigir este cine. Desempeñando esta labor hasta principios de los años 60, donde  alcanza la cima de su carrera profesional”.

“A partir de 1962 pasa a formar parte de la plantilla na productora Suevia Films –a de Cesáreo González–, empresa a la que perteneció hasta el día de su jubilación.”.

No seu traballo coñeceu a moitos artistas, participou activamente na carreira de moitos deles, incluso foi el quen lle recomendou a María Antonia Abad o seu nome artístico: Sara Montiel.

A familia descoñece se participou en redes clandestinas de apoio a presos en Carabanchel, pero seguramente sería de xeito clandestino. Tivo que lidiar coa censura con moita man “esquerda”. Tamén tivo que conseguir un “salvoconducto” no que constaba que era afecto al Movimento Nacional”. Seguramente a única maneira de poder sobrevivir e ter traballo.

Finalmente non resistín a tentación e véxome na obriga moral de citar un artigo, que ía a ser enviado ao Faro de Vigo en 1977, escrito por outro irmán de Luis Taboada Montoto, Manuel. Malia ostentar durante o franquismo o cargo de inspector de traballo en Vigo, emprego do que se xubilou en 1964 (BOE, nº 250, 17 de octubre de 1964, 13579), escribiu un artigo nun galego enxebre defendendo a autonomía da “rexión” galega, un artigo que remata sorprendentemente co berro arredista: Viva Galiza Ceibe.

ÚLTIMAS

A Ribeira Sacra ao 83% de ocupación na Ponte de Todos os Santos

Os aloxamentos da Ribeira Sacra agardan unha ocupación dun 83% para a Ponte de...

O Concello de Chantada amplía o Arquivo Municipal acondicionando o edificio da cámara agraria

Deste modo auméntanse espazos para o arquivo do que dispón o Concello nos baixos...

Monforte decreta 3 días de loito oficial en solidariedade coas familias de falecidos e desaparecidos por mor da DANA

Os danos que ocasionou a DANA en diferentes comunidades autónomas, pero como moita máis...

Coñecendo a recollida das olivas e o proceso de elaboración do aceite de Quiroga

A actividade, baixo o título de "Gustaríache ser olivareiro por un día na Ribeira...