HomeOpiniónOPINIÓN:“Un saquiño de desexos nas costas do Apalpador para o 2026”        

OPINIÓN:“Un saquiño de desexos nas costas do Apalpador para o 2026”        

Agasallos que traería, en forma de desexos, o Apalpador para este novo ano.

Publicado o

POR
Anxo Moure Mosquera (O Carballo con Botas)
- Advertisement -

Nun Nadal cada vez máis celebrado como estratexia capitalista fronte ao nacemento da vida, o principio da fin da noite, a chegada da luz ao bosque, cerne das nosas vidas e tamén das vidas dos que nos precederon… teño o orgullo como animador, educador ambientalista, narrador, ou como activista do ecoloxismo, de transformar un personaxe moitas veces deshonrado –mais que naceu do cerne da montaña, da fame e a friaxe, do medo da cativada a noite–, nun embaixador do pasado, para educarnos no futuro; da convivencia do ser humano coa terra, coa herba, o fume da lareira, a leña, o monte, o berce da auga, a choiva; e da sementeira da árbore e da vida que nos dá vida, esperanza e tenrura.

O Apalpador: “embaixador do pasado para educarnos no futuro

Estou a falar do Apalpador, que este ano baixou polas terras de Lemos cargado cun saco vello ateigado de desexos que pouco a pouco vou ir ceibando neste artigo nacido nos primeiro días do aninovo.

Non hai dubida que o primeiro que traería como agasallo sería un pouco de lentura e sentidiño para calmar a terra, baixar o ritmo persoal para que o ritmo colectivo sexa tamén menos agresivo. Non hai dubida que xa é imprescindible o decrecemento no consumo e no despilfarro –causa principal da destrución da contorna natural–.

Despois traería como agasallo un exército de mestres de ferrado cargados con educación ambiental e en todos os ámbitos: no educativo, mais tamén no político, institucional, empresarial, actoral, bibliografrico, audivisual, deportivo…, que cada actuación, iniciativa, teña sempre aparellado un contido de divulgación, sensibilización, educación e revolución pedagoxica a prol dos bosques, chairas, regatos, fervenzas.

Pediría tamén a necesidade coñecer as “irmauciñas” que dicía Pedraio, as Rumorosas de Pondal, as Cerdeiras de Cunqueiro e Avilés de Taramancos, as figueiriñas de Rosalía. Coñecer as árbores é o primeiro paso para poder defendelas cun feixe de iniciativas. Repoboacións forestais con especies autóctonas, viveiros de árbores en todos os concellos, crear espazos forestais e pedagóxicos por todo o país para “educar ás multitudes no amor as árbores” como escribía en 1.933 o mestre republicano represaliado Xesús Gomar.

A recuperación das embarcacións tradicionais do Cabe, Sil e Miño, lanchas, barcas da pousa, batuxos, barcas de dornos… como xeito de achegarse ao río dun xeito acariñado, acompañado sempre da rica mitoloxía da cultura fluvial transformándonos todas e todos en xacios e xacias que defendan as súas augas, mananciais, nascentes, fontes, fervenzas, cachóns….

“A recuperación das embarcacións tradicionais do Cabe, Sil e Miño…”

Unha agricultura, gandaría e viticultura máis afastada dos adubos, pesticidas, contaminantes e tendente sempre ao certificado ecolóxico e unha aposta polo comercio local, e a recuperación de feiras e prazas de abastos como a de Monforte.

Un turismo que se afaste das dinámicas colonizadoras, destrutivas da cultura propia e do tecido habitacional; un turismo ecolóxico que teña unha grande rama pedagóxica nas terras dos carballos sagrados.

Un xeito de comunicación baseado no transporte público mellorando trens, autobuses e sobre todo con campañas de concienciación para o seu uso acompañado sempre da promoción da bicicleta como xeito de descontaminación e loita contra o cambio climático.

Propostas culturais en palleiras, cortes, nas aldeas máis afastadas, nas chousas, soutos e fragas, porque un bosque habitado, un palleiro proxectado, un souto teatralizado é sen dúbida un bosque, palleiro e souto protexido.

Como remate é o desexo de que as novas xeracións volvan ao rural, á montaña, as que son sen dúbida as súas raíces. Volver encher as escolas da Pobra, O Incio, Currelos, O Courel, Samos, Triacastela…, abrir mesmo a de Montefurado, Loúzara, Folgoso ou Zanfoga sería un agasallo de verdadeira esperanza no futuro.

O Apalpador en Monforte este Nadal 2025. Foto: Radio Monforte.

“que as novas xeracións volvan ao rural, á montaña, as que son sen dúbida as súas raíces”

Sei que son moitos os desexos que trae este Apalpador, Pandigueiro ou Apalpabarrigas pero estes personaxes habitan o realismo máxico dun pobo que non é outra cousa que as utopías posibles das xentes que o habitan.

ÚLTIMAS

Éxito do Mercado de Nadal de Pantón que abrirá os mercados da comarca na primeira fin de semana de decembro

O Concello de Pantón abría o Mercado a profesionais na decoración de Nadal, nas...

1,5M€ para a segunda convocatoria das axudas destinadas á conservación paisaxística na Ribeira Sacra

As achegas están destinadas a poñer en valor o labor que desenvolven as persoas...

Os Reis Magos visitan en Monforte os centros de atención a maiores e persoas con discapacidade

Trala multitudinaria Cabalgata que sementou ilusión polas rúas monfortinas o pasado luns, as Súas...

Galicia pecha 2025 con 17.715 cotizantes máis á seguridade social

Con 112.031 persoas, cóntase coa cifra de paro máis baixa nun mes de decembro...