A edición número XII do Festival de Cine Fantástico e de Terror de Monforte, o Fancine de Lemos, foi a miña primeira vez con algunhas tarefas dentro da produción local de dito evento. O ano pasado fun convidado pola organización para formar parte do xurado, tarefa que aceptei con gusto e con certo grao de responsabilidade. Segundo algúns dos responsables foi a idea de consenso para ter un primeiro contacto máis amable e achegarme como observador. Calquera persoa que teña experiencia acumulada na organización de eventos dirixidos ás masas saberá intuír o porqué desta decisión.
Pois ben, xa na edición número XI puiden observar con maior perspectiva a importancia de que un festival destas características teña lugar durante máis dunha década na nosa comarca. A selección de curtametraxes que tivemos que valorar confirmou o que xa sospeitaba: hai un potencial talento no estado español e na nosa comunidade que merece ser visibilizado. Só por cumprir con este obxectivo xa paga a pena o esforzo continuado por parte dos organizadores.
“A selección de curtametraxes que tivemos que valorar confirmou o que xa sospeitaba: hai un potencial talento no estado español e na nosa comunidade que merece ser visibilizado”
Volvendo á actualidade e volvendo falar de vivencias en primeira persoa, neste último ano incrementei notablemente as miñas interaccións co tecido cultural e social da Ribeira Sacra. A miña asistencia e participación en encontros con axentes culturais, proxeccións, micros abertos, festivais doutras disciplinas, entrevistas radiofónicas, obradoiros enfocados no emprendemento e a creatividade, etc. Todo isto reforza enormemente o que acabo de afirmar sobre o talento.
Querida lectora, querido lector: non esaxero nada se digo que a Ribeira Sacra é xa un territorio de referencia internacional para a creación e o desenrolo cultural.
Vivimos un momento singular na zona onde cada vez cobra maior peso iso que algúns chaman industria cultural (outro día quizais falemos de porqué a palabra cultura non precisa de máis engadidos para lexitimar a súa presenza). Dicía que nos atopamos nun momento único. Ribeira Sacra leva anos sendo referencia turística co viño e o seu patrimonio natural e histórico, pero aínda se percibe por parte de bastantes persoas que habitan este territorio un gran descoñecemento sobre a maior parte de fitos culturais que se levan producindo desde hai varios lustros.
E xa que acabamos de celebrar doce edicións do Fancine, sabías querida lectora/o, que a día de hoxe existen 3 festivais de cine na contorna? Ou que contamos con numerosos profesionais recoñecidos e respetados, vencellados á sétima arte? Sabías que estas terras levan máis dunha década sendo un escenario recorrente ao que acoden produtoras (locais, galegas, estatais e internacionais), guionistas, actrices e actores, directores, deseñadores de vestiario, sonidistas, etc.? Por non falar da longa relación que tivo Monforte case desde que comezou a popularizarse o cinematógrafo. Barbajelata, Capitol, Lemos, Fraternal, A Calexa, son nomes que hoxe forman parte do imaxinario colectivo da xente cinéfila da comarca.
Con respecto ao momento actual que atravesa o Fancine, hai persoas que falan abertamente da baixada de público ou da redución na oferta das actividades nas últimas edicións do festival. Os que estamos dentro deste, e outros moitos eventos culturais, somos conscientes de que a realidade que viven hoxe as iniciativas culturais sen custe directo para o público non pasan polo seu mellor momento na nosa vila. As razóns? Coma case sempre que se fala de xestión cultural son múltiples e complexas. Non se trata só de que exista un maior ou menor apoio por parte das institucións públicas. Trátase tamén de aunar o esforzo de varias persoas ou entidades, entender e facer entender a importancia que ten dar espazo a novos talentos do audiovisual e sobre todo que o cine e o audiovisual, incluído os xéneros fantásticos e de terror, tamén cumpran unha función social. Ademais de entreterse con xiros de guión, efectos especiais ou persecucións trepidantes, o visionado compartido dunha película ou peza audiovisual é un acto social. Programar en espazos públicos é convidar aos asistentes ao encontro entorno a múltiples temas. Sen ir máis lonxe, na edición deste ano tivo lugar un interesante debate cos membros do xurado sobre o papel do audiovisual ao tocar temas coma as enfermidades neurodexenerativas, aí é nada… Porque ao fin e ao cabo as artes en xeral e o cinema en particular non son alleos ás problemáticas de agora e de sempre.
“Con respecto ao momento actual que atravesa o Fancine, hai persoas que falan abertamente da baixada de público ou da redución na oferta das actividades nas últimas edicións do festival”

Así que, amiga/o lector: a onde quero chegar? Pois simplemente convidarte a darlle unha pensada sobre as seguintes cuestións:
Que entendes ou entendemos por xestión cultural?
Saberías dicir canto pode chegar a custar proxectar unha película de maneira pública (dereitos de exhibición, SGAE, producion técnica)?
Coñeces o salario que perciben as persoas que traballan na organización de festivais de cine?
Remato cunha falsa pregunta: Sabías que as axudas públicas directas á produción audiovisual xeralmente cobren como máximo o 50% do orzamento dun proxecto cinematográfico? Por non falar da distribución.
Aquí é onde entramos no fondo da cuestión (se xa che sonaba todo o anterior, grazas pola túa paciencia), as obras de arte e os eventos culturais, precisamente por esa función social da que falaba, teñen sentido no momento en que hai un receptor ou interlocutor ó outro lado da peza. As sociedades occidentais levan décadas experimentando importantes cambios que afectan de cheo ás maneiras que temos de relacionarnos coas creacións culturais. O cine é un exemplo perfecto, que non está afeito hoxe en día en reproducir e visionar contidos en liña.
As tecnoloxías viñeron para quedarse (salvo apocalipse inminente que non descarto) e con elas viñeron transformacións cada vez máis notables: a velocidade na comunicación, a enorme cantidade de datos e contidos que pode xestionar un ser humano cun aparatiño que lle cabe nun peto, as estratexias de consumo, e un longo etcétera. Toda unha odisea que remove os cimentos dos feitos culturais, como se concebían ata o de agora. A propia UNESCO, da que tanto falamos estes días co gallo da candidatura a Patrimonio da Humanidade de Ribeira Sacra, hai décadas que chegou ao consenso de trazar, dentro da perspectiva dos dereitos culturais, un novo rumbo que deixe en segundo plano o concepto de cultura democrática para avanzar cara a democracia cultural. É dicir, superar ese xogo de dependencias que a veces trae consigo a figura paterrnalista desde as institucións que non poden garantir unha dirección verdadeiramente ilustrada. Na era da información non se debería pretender limitar o poder da acción da cidadanía, dunha cultura comunitaria que hoxe en día bebe de moitos referentes, compartindo un carácter máis intercultural do que se pode imaxinar.
É máis, hai días, visionando a Odisea a través da mirada de Christopher Nolan, sentínme moi identificado coas mensaxes que recalca dese texto case fundacional (se falamos de Europa como entidade propia) atribuído a un tal Homero. Esa perspectiva tráxica do heroe que observa impotente como se derruba o mundo que el coñecía e polo que loitou sacrificando multitude de pezas vitais, obsesionado con que os deuses lle serían propicios, ata o punto de non saber chegar á casa nin de recoñecerse a si mesmo. Ao final, a película faise eco dun tema universal, o papel do ser humano ante os cambios. Xa nos contou algo similar aquel home manco por tentar saquear a Troya do século XVII. Xa nos falaba Daniel (ao que tamén forzaron a vivir a súa propia odisea alén dos mares) sobre o inoportuno de namorarse de vello.
Esta pequena deriva reflexiva que che comparto só pode deterse nun punto: se queremos unha Ribeira Sacra recoñecida como Patrimonio da Humanidade, con todo o peso e a responsabilidade que iso conleva, antes é mester mirarse no espello sen ollos de Narciso, e recoñecer cada enruga e cada cicactriz que se reflexan nas cheas de libros, películas, obras musicais, contos e lendas populares, etc. que nos deixaron e nos seguen a deixar aqueles que gardan memoria.
Porque se hai algo terrorífico (máis que un cíclope xigante) para un territorio é que os seus habitantes non lembren a maxia e o fantástico que é ser partícipe do seu dereito á cultura con maiúsculas. Aquela que nos contamos a nós mesmos, asumindo, que as formas cambiarán unha e mil veces ata o último tañido das campás do Románico (antes Roma) aquela que se move en diálogo permanente á saída dunha sala de cine ou a que mece o soño eterno da volta a Ítaca unha noite de verán (por exemplo no atrio do Centro do Viño) entre melodías de diferentes meridianos e molladas entre caldos, ás veces máis claros e outras máis escuros. Colleitados na nosa particular e máxica Mesopotamia Galaica. Porque nesta terra onde as pedras gardan memoria dos misterios da vida e da vide, aínda queda rato para botar outro grolo máis, namentres se decide ou non o lobo en acudir á súa cita cunha cultura milenaria que xa se sabe patrimonio.

