A cidade de Cartaxena acolleu, os días 17, 18 e 19 de setembro, o XV campionato estatal de Poetry Slam España, que foi organizado por Poetry Slam Cartagena. Participaron neste campionato 34 sedes procedentes de distintas localizacións do estado, entre elas Bóveda Slam Poetry, sede localizada no concello de Bóveda.
Encetouse o evento coas palabras do concelleiro de cultura do Ayuntamiento de Cartagena, Nacho Jáudenes, que deu os parabéns aos organizadores polo gran traballo realizado, e o seu agradecemento por conseguir levar este campionato a Cartagena, agradecemento que estendeu aos poetas participantes: “… a quienes subís a recitar aquí y hacéis verdad aquello que decía Celaya, que la poesía es un arma cargada de futuro…”
Abbey C. Díaz, a poeta representante de Poetry Slam Cartagena, obtivo a vitoria do XV Campionato estatal, e participará no vindeiro campionato europeo. Noraboa, Abbey!
Guille Lacasito, de Alicante Poetry Slam, obtivo a segunda praza; Iñaki C. Nazabal, de Poetry Slam Santako, e Silvia Endecasílaba, de Poetry Slam Ávila, nun torneo de axustadas puntuacións, formaron parte dos poetas finalistas.

PARABÉNS, YOLI!
Yolanda Álvarez Castro, coñecida como Yolanda Alcas no entorno do Poetry Slam, participou neste campionato, representando a Bóveda Slam Poetry, coma gañadora da tempada IV desta sede. Na súa intervención na primeira semifinal, celebrada o día 17, acadou a clasificación para a Gran Final do día 19, na que recitou a súa segunda peza. Coa excelente interpretación da súa poesía escénica, Yolanda deixou pegada de Bóveda neste derradeiro campionato.
A asociación cultural Kulturnavila, organizadora de Bóveda Slam Poetry, agradece a tódolos poetas que participaron nestas catro tempadas, dende 2023 até 2026, o seu grande esforzo para a composición e a interpretación das súas pezas poéticas. Moitos deles fixeron longos desprazamentos para vir recitar a Bóveda.
A asociación agradece ademais o apoio recibido polo Concello de Bóveda para acadar a realización dos 24 encontros que se teñen celebrado, e para poder acudir aos campionatos estatais das tres derradeiras tempadas.

