InicioOpiniónHai futuro?

Hai futuro?

Hai uns días a Confederación Hidrográfica Miño-Sil licitou por 618.000 euros o mantemento e conservación do sistema de regadío ao seu paso por Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober, por un período de dous anos. Aproveitamos esta nova para publicar un novo artigo de opinión da man de Andrés Pavón, Presidente da Irmandade Cultural País do Faro.

Publicado o

POR
Andrés Pavón, Presidente da Irmandade Cultural País do Faro
- Advertisement -

O 1 de agosto de 2018 un informe de Global Footprint Network comunicaba que a humanidade xa consumira todos os recursos naturais que producen os ecosistemas durante un ano. É decir, con 5 meses por diante, xa se esgotara toda a madeira, flores, cereais, froitas…etc que se xenera en 12 meses no planeta. O estudo sinalaba o abuso da pesca marítima como principal problema.

Por outra banda, o derradeiro informe da FAO cifra en 795 millóns, o número de persoas que pasan fame no mundo. Especialmente grave é a situación nos países chamados “en desenvolvemento” onde o 13% da poboación presenta desnutrición severa.

Temos, pois, 7.600 millóns de habitantes no planeta Terra que depredan todo o que éste produce antes de que se poida repoñer pero que non son capaces de distribuilo de xeito que haxa un pouco para cada un.

Non vou soltar un sermón ecoloxista nin un discurso sobre a xustiza social e a redistribución da riqueza. Non creo que os discursos vaian solucionar problemas de tan grande calibre e ampla extensión. Pero, a tenor desas cifras, resultan cada vez máis curiosas as vistas dende o castelo de Monforte. O amplo val que se divisa dende o monumento reúne todas as características necesarias para ser un polo agrogandeiro dos máis punteiros do estado. Sen embargo, esas características están moi lonxe de ser desenvolvidas e o que se albisca é un abandono que ameaza con ser total.

As canles dos sistemas de regadío aínda están a tempo de poñerse a funcionar. O clima e a composición do terreo favorecen o cultivo de todo tipo de froiteiras e hortalizas. E a orografía contribúe a facer moito máis levadeiro o traballo agropecuario que noutros concellos. E, aínda así, as xestas, fentos e silvas invaden a meirande parte do que abrangue a vista. En fin, polo menos non son eucaliptos…

Similar panorama presenta Quiroga se un vai mirando cara abaixo cando sube hacia o Soldón da Seara. Toda a contorna da capital quiroguesa e de San Clodio produce mel, cereixas, aceite e viño. Ademais de multitude de froiteiras. Por non falar dunha marihuana que, de ser legal algún día como xa estamos a ver por toda Europa e EEUU,  tería aquí un excelente lugar de cultivo. Como me dixo un veciño de Bendilló, “aquí a terra da de todo menos xente”.

Contorna do Faro / P. Cadórniga

E o mesmo se pode decir de Chantada, Sober, O Saviñao e tantos outros lugares nos que a falta de iniciativa pública e de políticas activas fixo que estean con toxos e uces centos de hectáreas de terreo que servirían para producir alimentos tanto para as persoas como para os animais.

Temos, pois, unha Ribeira Sacra moi desaproveitada en canto a usos do terreo. E máis se a comparamos cunha zona de orografía similar como é a Ribeira do Douro portuguesa. A xente marchou porque non había posibilidades de desenvolvemento ou non hai posibilidades de desenvolvemento porque a xente marchou?. Eu inclínome a crer que foi o primeiro. E considero que a falta de políticas de ordenación do territorio están detrás desta parálise. Tamén pode ser que nos foramos acomodando e resignando porque nunca nos apretaron o suficiente e porque non nos vimos apurados en exceso. Resultaría inconcebible ver nun país como Israel un desaproveitamento tan acusado da terra.

Nos últimos tempos está a florecer o turismo nesta zona. As paisaxes e o legado do esforzo dos nosos antergos que ergueron igrexas e mosteiros son suficientes para atraer turistas sen ter que coller unha eixada. Eso, e o esforzo dos viticultores que seguen apegados á terra a pesar das mil trabas que se lles poñen dende as cidades consiguen que cada vez veña máis xente a visitarnos. Sen esquecer o traballo que se fai dende as pequenas empresas, o consorcio de turismo e o propio consello regulador.

Turismo Activo / turismo.ribeirasacra.org

Pero vendo o enorme potencial agrario e turístico da nosa Ribeira Sacra faise difícil entender tan pouco apoio das administracións públicas para poñer as cousas a funcionar. Dar acceso ás terras que non están a producir, ofrecer ciclos formativos nos centros de ensino coas profesións que se poden desenvolver na zona e coa actividade agrogandeira, busca de fórmulas de comercialización que permitan crear unha marca propia máis aló do selo da DORS, incentivos fiscais para as persoas que se comprometan a poñer a terra a dar froitos…en fin, mil e unha ideas que se poden levar a cabo se hai verdadeira vontade política e unha iniciativa privada a pequena e mediana escala que atope facilidades e non atrancos. Estamos nun intenso período electoral e todo o que se diga pode ser interpretado en tal clave. Pero creo que estaremos todos dacordo en que non podemos seguir perdendo habitantes por non ser quen de aproveitar uns recursos que temos diante dos ollos.

Porque, e volvendo ó comezo do artigo, non esquezamos que cada vez esgotamos antes os recursos do planeta e cada vez repartímolos peor. Non me gustaría pensar que detrás deste desaproveitamento da Ribeira Sacra haxa un plan preconcebido. Que consistiría en deixar morrer todos os proxectos para que chegue unha gran empresa cos seus salarios de risa e os seus fondos ilimitados a mercar todo o terreo e convertelo nun parque temático ou nunha macrohorta. Ó fin e ó cabo vai haber que seguir comendo e bebendo e sempre haberá alguén que queira desfrutar da natureza no seu tempo libre.

Nos vindeiros anos veremos se hai espazo e vontade para moitos pequenos proxectos familiares que desenvolvan a Ribeira Sacra ou se se impón a lóxica do mercado e só queda a opción de que unha grande empresa nos convirta a todos nos seus empregados. Cobrando pouco e traballando moito.

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...