InicioOpiniónSer efectivos, "Que esteamos sós non significa que esteamos mortos"

Ser efectivos, “Que esteamos sós non significa que esteamos mortos”

"Logo de trinta anos de financiamento público, son xa horas de facer que sexa útil para todo o territorio e toda a poboación." Fragmento de "Ser efectivos", novo artigo de opinión da man de Andrés Pavón, Presidente da Irmandade Cultural País do Faro.

Publicado o

POR
Andrés Pavón, Presidente da Irmandade Cultural País do Faro
- Advertisement -

O pasado domingo, 31 de marzo, tivo lugar en Madrid unha manifestación baixo o lema “la revuelta de la España vaciada”. 50.000 asistentes segundo a policía local e 100.000 segundo os organizadores. En calquera dos dous casos, unha boa cifra en proporción ó número de habitantes desa España baleira e tendo en conta que o bo tempo reclamaba, entroutras tarefas, mans hábiles para a ensila.

Na tarde dese domingo, 31 de marzo, todos os partidos políticos sacaron as súas medidas milagrosas para acabar co baleirado en 15 días: wifi para todos, menos impostos, enerxías renovables, aposta polo turismo…nada novo e nada que haxa moita intención de cumprir.

A manifestación estaba convocada polas plataformas “Soria Ya” e “Teruel existe”. Esta última debe de levar saíndo nos medios periódicamente os últimos vinte anos…e Teruel existe cada vez menos. O que si existe é o risco de que esa manifestación se convirta nun ritual tan recurrente como inútil. Algo así como cando pasan as ovellas polo centro de Madrid. Pintoresco pero nada máis.

Aínda así, desta volta as promesas chegaron cargadas de aparente sinceridade. As inminentes eleccións xerais fan que os candidatos poñan cara de absoluto compromiso co rural. Tanto é así que ata os que naceron no medio de Vallecas apelan á súa orixe agreste. A estas alturas ata o CIS sabe que vai ser nas provincias máis despoboadas onde se decidan os resultados electorais. Soria e Teruel entre elas. Pero tamén Lugo e Ourense, onde está a nosa Ribeira Sacra.

Montefurado / XdL

O normal sería confiar o noso voto a aquelas opcións que máis plasmen por escrito que se van implicar na solución dos nosos problemas. Principalmente, do despoboamento e da falta de servizos. Pero non nos enganemos. Gañe quen gañe, farà pouco ou nada por este reducido grupo de votantes. E quen perda xurará que para a seguinte vez haberá circunscrición única e catro monos da Ribeira Sacra non volverán ter o mesmo peso electoral que os ilustres veciños de Badalona ou Alcorcón.

Hai vinte anos falábase de “reequilibrio” entre a costa e o interior. Agora eso quedou atrás e xa non buscamos a equiparación; conformámonos con ir tirando uns aniños máis. Tampouco parece que estea a funcionar o argumento de máis peso: se non hai xente no rural, os habitantes das cidades non terán nada que comer. Nin esoutro que vai máis dirixido ós antigamente chamados ecoloxistas: se o campo se abandona, os montes arden.

Así que estamos sós. Nós fronte ó mercado. Os GDR, fondos FEDER, subvencións e demais semellan os coidados paliativos para non sermos definitivamente un deserto verde.

E é que ningún político pode prometer aquelo que máis necesitamos: prezos dignos en orixe para os produtos agrogandeiros. A carne de vacún págase igual ou peor que hai 25 anos, o leite oscila entre a miseria e a subsistencia, o viño sálvase un pouco porque non ten costes laborais, a mazá e a castaña dan para tapar buratos, a cereixa e o mel son tan escasos que nin se mide o seu impacto económico…e por todo iso, a xente nova non quere quedar no campo. E ten lóxica. Se temos que vivir nun entorno mal comunicado, con pouca oferta lúdica e escasos servizos públicos, que polo menos nos fagamos ricos. Pero, como non é o caso, a xente fuxe.

Cantas veces escoitamos o conto de que a Ribeira Sacra ía ser o Valle del Jerte galego? Tantas que xa non cola. E é unha mágoa que non poidamos ter fe na administración pública. Non só porque desmoraliza senón -o que é peor- porque fomenta a aparición de persoas sen escrúpulos que procuran vivir da estafa, o saqueo e o abuso. Hai exemplos abondo. E máis que haberá agora que parece que podemos ser Patrimonio da Humanidade e as ratas de dúas patas cheiraron as subvencións.

E, mentres, a UE segue mandando axudas en concepto de “zona deprimida” a diferentes lugares do rural galego. Máis parecen cartos para  medicamentos cos que camuflar os efectos desa depresión, que ferramentas para sair dela.

 

O Courel / XdL

Non quero decir que as subvencións e axudas públicas non sexan importantes. E é indubidable que sen elas estariamos infinitamente peor. O que pasa é que non se perciben resultados positivos para o conxunto da cidadanía. Tal vez deberan ir asociadas á consecución duns obxectivos concretos e ponderables tales como o incremento poboacional, a suba do nivel de renda, o aumento da actividade económica…Aínda que só sexa polos criterios mercantilistas que tanto imperan no mundo actual, habería que pensar se pagou a pena destinar centos de miles de millóns de euros a un campo galego que non arrinca.

En resumo, logo de trinta anos de financiación pública, son xa horas de facer que sexa útil para todo o territorio e toda a poboación. Que os cartos que nos chegan da PAC e doutras axudas sirvan como a gasolina para que o motor se poña a funcionar e non como o formol para que se conserve ó borde da morte.

Ollo. Que esteamos sós non significa que esteamos mortos. Pero convén mentalizarse de que o que non fagamos por nós mesmos, non nolo van vir facer de fóra.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....