InicioPolíticaDebate histórico no Saviñao

Debate histórico no Saviñao

O Círculo Saviñao, sociedade cultural de referencia no concello, acolleu este sábado o primeiro debate electoral da historia nunhas eleccións municipais. O salón de actos quedouse pequeno e moita xente tivo que quedar fóra.

Publicado o

- Advertisement -

Éxito sen precedentes do debate político celebrado no Saviñao. Segundo nos conta Enrique Sampil, presidente da entidade organizadora, a idea de celebrar un encontro público a tres bandas, coas respectivas formacións que concorren o día 26 ás eleccións municipais, xurdiu de forma natural tras comentarios e propostas dos propios veciños e veciñas do Saviñao.

Así as cousas, Sampil trasladoulle aos tres candidatos, Carlos Armesto Quiroga, do Partido Popular, Celestino Rodríguez Pombo, do PSOE e Antía Nieves Rodríguez do Bloque Nacionalista Galego a proposta para levar a cabo un debate político no local do Círculo Saviñao.

Enrique Sampil cos tres candidatos. Foto: C.S.

Os tres ‘alcaldables’ aceptaron a proposta de Enrique Sampil, que foi o moderador, puxeron data e reuníronse para establecer as regras do xogo; temas e tempos de intervención. Respecto aos temas, estes dividíronse en tres bloques, no primeiro deles tratouse economía, agricultura e turismo; no segundo, servizos sociais, cultura e deporte; e o terceiro estivo centrado no medio rural.

Entrando xa nas valoracións, o moderador considera “un valor para a convivencia entre os veciños a celebración deste debate e poder falar dos nosos problemas nun foro común, lonxe de conflitos que denigran a política, un servizo público fundamental nunha sociedade democrática moderna”.

O presidente do Círculo Saviñao felicitou aos tres candidatos e agradeceulles a súa participación e as facilidades que deron para sacar adiante este acto.

Dende Xornal de Lemos tentamos falar tamén cos intervintes, candidatos á alcaldía do Concello do Saviñao, para coñecer tamén as súas sensacións. Con Carlos Armesto, do PP, non puidemos contactar tras varios intentos telefónicos, pero falamos con Celestino Rodríguez e con Antía Nieves.

O candidato polo PSOE dinos que aceptou a proposta de primeiras e que o debate foi moi consensuado entre as tres partes participantes. E afirma categoricamente que “a súa única condición para participar foi que non houbese condicións”. A valoración no conxunto é moi positiva, do moderador di que estivo moi correcto e felicita á organización pola iniciativa. Así mesmo, transmite o seu agradecemento a todos e todas os que se interesaron por este encontro político de campaña.

Antía Nieves, candidata do BNG, afirma que dende o principio pareceulle unha gran idea e que tamén aceptou sen dubidalo. Non puxo ningún impedimento e na negociación das regras do xogo, di, “foi todo moi cordial e consensuado”. Respecto ao moderador di que lle pareceu “resolutivo, rigoroso e que incluso deixou algo máis de marxe para rematar algúns temas”. Preguntámoslle tamén se chegou a presentarse, nos contactos previos, a opción de deixar facer preguntas aos asistentes. Dinos que se comentou pero todos chegaron á conclusión de que non procedía, que era un tema difícil de controlar para poder axustar tempos e intervencións. En xeral, Rodríguez, afirma estar moi contenta pola idea, pola súa intervención e polo éxito de público, “esperaba que houbese xente pero non tantísima”, afirma.  Tamén nos comenta, respecto ao retorno de sensacións, que a xente trasladoulle moito agarimo.

Momento do debate co anterior alcalde moi atento en primeira fila. Foto: C.S.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...