InicioPolítica“Quixemos facer unha campaña innovadora, do século XXI”, Maribel García de Esperta...

“Quixemos facer unha campaña innovadora, do século XXI”, Maribel García de Esperta Monforte

Na campaña política para as eleccións deste vindeiro domingo, esta formación política deu moito que falar e todo, segundo di a súa cabeza de lista, grazas ao traballo e o esforzo de moita xente comprometida con Monforte que forma parte da candidatura.

Publicado o

- Advertisement -

Esperta Monforte contou na pasada lexislatura cunha concelleira, Maribel García, actual candidata á alcaldía de Monforte con esta formación. Para a convocatoria do 26 de maio teñen moitas expectativas; por traballo e creatividade para inténtalo non vai ser. Levan dúas semanas que non paran de dar que falar na cidade e na prensa pola súa ‘hiperactividade’ e golpes de efecto con accións que non deixan indiferente a ninguén. Falamos coa cabeza de lista, unha máis segundo di ela, nun “equipo de traballo multidisciplinar  e moi comprometido”.

Nesta campaña tivestes un empeño especial por facervos visibles. De onde saíu toda esa creatividade?

Pois foi un traballo de grupo. Conformada a candidatura reunímonos e fixemos a típica “treboada de ideas”. Saíron moitas cousas pero non podiamos quedarnos con todas. As que botamos para adiante e destacaron máis foron a presentación da candidatura nos Cinemas Hollywood, a elaboración de diferentes videos que están a correr polas redes sociais, os bonecos, o corte simbólico da ponte vella…

Os bonecos, como lle chamas ti, chamaron moito a atención. Cal era a idea desta acción?

Pois quixemos que esas imaxes de cartón de membros da candidatura representasen a nosa imaxe natural con mensaxes para a cidadanía. E tamén o fixemos coa intención de poder multiplicarnos estes días. Grazas aos ‘bonecos’ puidemos estar en varios lugares ao mesmo tempo (risas).

‘Os Bonecos’ nun dos momentos da campaña, na Rúa Chantada de Monforte / XdL

A xente falou moito deles. Notastes o impacto, non?

Si, recibimos moitas loubanzas da xente de Monforte, gustou a idea e estannos felicitando por iso. De feito, ata a TVG se interesou pola iniciativa e fíxose eco desta orixinal forma de facer campaña.

Tamén houbo algo de escarnio, sobre todo nas redes sociais, non?

Algo houbo, pero ben, “son trolls deses” con perfís anónimos para mofarse e facer dano pero non nos afectou directamente, non se lles pode facer caso.

Sacastes moitos vídeos temáticos e accións de rúa tamén. E todo saíu de vós, non tivestes apoio externo para sacar adiante todo?

Non, non temos asesores. Todo é produto dun equipo de traballo, un equipo multidisciplinar no que cada un aporta os seus coñecementos, temos dende xente nova a xente máis veterana pero todos e todas moi preparados. Puxémoslle ilusión, traballo e ideas, “quixemos facer unha campaña innovadora, do século XXI”.

Onte cortastes simbolicamente a ponte vella, cóntanos.

Si, cortamos a circulación ás 17:00 horas nun acto simbólico onde quixemos poñer de manifesto que hai que protexer este ben patrimonial e sen circulación de tráfico rodado no centro da cidade a vida en Monforte vai seguir igual. Tampouco queremos a construción doutra ponte como pide o actual alcalde.

Dende o río reivindicando o valor do Cabe e da ponte medieval / Esperta Monforte

Por que destaca ‘Esperta Monforte’ na forma de ser, e de gobernar chegado o caso?

Esperta Monforte é unha formación cumpridora, innovadora, comprometida con Monforte e os seus problemas como o futuro incerto en temas como o traballo, participativo e plural, nunca unipersoal. Non somos políticos profesionais nin queremos vivir da política e estamos orgullosos/as por mellorar Monforte.

Hoxe, 24 de maio, a partir das 20:30 horas e na Praza de España, a fronte alternativa organiza un acto aberto a toda a cidadanía onde expoñerán os vídeos da campaña que se poden ver na súa canle de youtube. Haberá cadeiras e un pequeno aperitivo de confraternización para quen se achegue.

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...