Os investimentos en sanidade e educación concentran boa parte dos orzamentos da Xunta para a zona sur de Lugo. No concello de Monforte investiranse máis de 700.000 euros para melloras no hospital monfortino e tamén haberá unha partida para reformas en centros de saúde, actuacións que se suman á recente dotación dunha ambulancia medicalizada para esta área sanitaria.
Do mesmo xeito, no 2020 levarase a cabo a rehabilitación integral e funcional de centros educativos en Monforte cun investimento de 850.000 euros. Este concello beneficiarase tamén dunha contía de 165.000 euros para obras de renovación e mellora na estación de autobuses e de 30.000 euros para o convenio coa Fundación de Ferrocarrís.
Investimentos en sanidade e educación tamén no Saviñao, onde se contempla a construción dun novo centro de saúde cun gasto de preto de 786.000 euros, ou Chantada, onde se levarán a cabo melloras nos centros educativos por importe de máis de 380.000 euros.
Continúase cos proxectos de mobilización de terras en municipios como Sober, onde ademais están en marcha actuacións como o banco de terras, as franxas de seguridade, Xunta e Concello traballan para a creación dunha aldea modelo e onde tamén existe un importante apoio noutras áreas estratéxicas, destinando case 400.000 euros a vivendas de promoción pública. Do mesmo xeito, os orzamentos impulsan a mobilización de terras en Bóveda (200.000 euros), Quiroga (152.000 euros), Chantada, O Saviñao e Pobra de Brollón.
Partidas como a de infraestruturas viarias acadan os 4,5 millóns de euros con obras como o acondicionamento da LU 651 en Folgoso do Courel, a conversión en autovía do corredor entre Láncara e Sarria ou os accesos ao Porto Seco de Monforte. En canto a telecomunicacións, Folgoso do Courel recibirá máis de 100.000 euros para mellorar a conectividade e as infraestruturas de televisión e radiodifusión.
A Xunta traballará tamén na protección do patrimonio cultural en concellos como Pantón (279.000 euros), O Saviñao (203.000 euros), Monforte, Sober ou Bóveda. Entre outros investimentos recóllense 300.000 euros para solo empresarial en Taboada.