InicioOpiniónOPINIÓN: Parálise

OPINIÓN: Parálise

Reflexión sobre a 'presunta apatía ou indiferencia' social diante do estancamento crónico do proxecto do Porto Seco de Monforte.

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

O pasado día 20 de outubro de 2019 aparecía nos medios de comunicación a seguinte noticia: “A Xunta de Galicia reserva outra vez 750.000 euros para o acceso o Porto Seco de Monforte”.

Ao día seguinte, con moi bo criterio, o Alcalde de Monforte manifestaba o seu malestar por ser a terceira vez que a Xunta reserva esa cantidade, pero non fai nada con ela. Ninguén máis ca el fixo manifestación ningunha, e na sociedade monfortina, pasados os días, segue sen existir síntoma de preocupación polo acontecido.

Este feito evidencia a fraxilidade da sociedade civil monfortina, pois chama a atención que ningunha entidade social manifestara o máis mínimo interese ou preocupación por semellante cuestión.

As institucións, que rexen o destino común, non sempre toman as mellores decisións (ben por prioridades erróneas, ben por intereses espurios ou por calquera outra razón máis ou menos xustificable) e nese momento é a sociedade, somos nós -de forma individual e colectiva, a través das organizacións sociais-, quen debemos advertir de que ese non é o camiño correcto. Se non o facemos consúmase a decisión errónea e sufrimos os prexuízos e as consecuencias. Unha sociedade que goce de boa saúde precisa ser crítica e estar alerta na defensa dos seus intereses colectivos.

Hai moitos perigos que, se se converten en realidade, teñen consecuencias letais no futuro das sociedades, e un deles é a desaparición do tecido social activo, xa que trae consigo sempre a desidia, o desánimo e o abandono. Deixa a sociedade indefensa.

“Conformarnos sería un suicidio colectivo, sería aceptar a desaparición da nosa cidade”

Monforte está no camiño desa lenta e progresiva desaparición do seu tecido social activo, porque todos os síntomas indican que así é. Conformarnos sería un suicidio colectivo, sería aceptar a desaparición da nosa cidade.

Se, polo contrario, queremos o noso, queremos que Monforte teña futuro, resulta imprescindíbel que tanto, desde as institucións mais tamén desde os colectivos existentes, desde as individualidades conscientes e desde quen teña sentido de cidade, sumar esforzos e enerxías e recuperar a fortaleza precisa para, colectivamente, e en exclusiva clave de cidade, defender os intereses de Monforte. Porque se deixamos que os nosos intereses estean representados de forma única polos gobernos de cada momento seguiremos tendo unha asignación orzamentaria de 750.000€ nunca executada e un Porto Seco inconcluso e carente de actividade e, polo tanto, seguiremos ese lento pero inefable camiño cara á desertificación.

“Se non hai actividade económica en Monforte, non vai haber vida…”

Estamos nun momento crucial, en que temos que ser quen de defender o noso patrimonio colectivo por ben do noso propio patrimonio individual. Se non hai actividade económica en Monforte, non vai haber vida e, polo tanto, as nosas fillas non van vivir aquí, van marchar e as nosas casas non vai haber quen as habite nin quen as queira mercar, non van ter valor ningún. A realidade é teimuda: defender o noso, o de cada quen, implica defender os intereses da comarca de Monforte.

ÚLTIMAS

Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’

O Concello de Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’ co que...

Bóveda sementa a igualdade nos equipos locais de fútbol

O Goberno local de Bóveda prosegue coa campaña ‘Sementando igualdade’, que esta vez chegará...

Reestablécese o subministro de auga nas parroquias de Monforte

A avaría, que tivo lugar o pasado día 26 de febreiro, provocou unha falta...

O PP de Monforte acusa a Tomé “de tapar os problemas de abastecemento con bombas de fume como a supresión dos pasos a nivel”

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, tras ver como que as parroquias...