O PP acusa a Tomé de falta de xestión para impulsar en Monforte os proxectos da Xunta

O PP de Monforte pechaba este mércores cunha reunión de afiliados coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Reunión PP Monforte / PP provincial

A portavoz municipal dos populares, Katy Varela, explicou que o alcalde “en vez de xestionar os grandes asuntos que ten pendentes Monforte, intenta responsabilizar a outras Administracións das carencias que son competencias puramente municipais”.

A Conselleira de Infraestruturas explicou que a Xunta tivo que intervir no seu día para dotar de depuradora de augas residuais ao porto seco, dadas as carencias que tiña a rede xeral de saneamento. No caso da depuradora xeral de augas residuais, a Conselleira destacou o incumprimento do compromiso adquirido polo alcalde de colaborar para conseguir que o Goberno destine fondos europeos a este fin.

Por outro lado, a titular de Infraestruturas explicou as dificultades que encontra o seu departamento por parte de ADIF para construír a conexión do porto seco de Monforte coa N-120; o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias “impón condicións inexplicables tecnicamente, que retrasan e encarecen o proxecto.”

En materia de transporte, a conselleira afirmou que a estación de autobuses de Monforte abre e abrirá todos os días. Recoñeceu que houbo un problema puntual, debido á xestión de persoal por parte da empresa en materia de vacacións. Ethel Vázquez lembrou que están adxudicadas obras de mellora por importe de 180.000 euros.

Por outro lado, a conselleira destacou que o seu departamento moderniza o mapa de liñas de autobuses e que está en proceso de implantación a tarxeta Xente Nova, que permitirá aos mozos de ata 21 anos viaxar gratis; en xuño estará operativa en Monforte.

Polo seu lado, o titular de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que a Xunta leva investidos 20 millóns no porto seco de Monforte, “que será unha plataforma realmente competitiva se está servida por unha rede ferroviaria competitiva, para o que se necesitan grandes inversións.” Tamén destacou que só da súa Consellería, o Concello recibiu máis de dous millóns de euros no que vai de lexislatura.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here