O PP ten denunciado reiteradamente o estado no que se atopan moitas das estradas que dependen da Deputación de Lugo. Pero hai zonas da provincia nas que, a estas alturas do ano, aseguran desde o PP que o problema adquire unha dimensión moito maior por ser puntos de interese turístico. Como sinala o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, “esta vez dende Sober, en plena Ribeira Sacra, o grupo provincial do PP pide á delegada de Turismo da Deputación, Pilar García, que dea un tirón de orellas ao delegado de Vías e Obras, o señor Tomé; dicimos isto porque estamos iniciando a tempada de turismo e a Deputación de Lugo non pode presumir de promoción do turismo tendo as estradas provinciais como as ten”.
Como exemplo do que afirma, Castiñeira cita “a estrada LU-P 5904, que vai de Sober a Vilachá, pasando por Gundivós, que é localidade famosa pola súa cerámica; esta vía está impracticable; a LU-P 5905, de Canaval a Sober, con fochancas grandísimas, igual que a LU-P 5902, de Canaval a Arxemil”.
O portavoz popular sinala: “Este é un problema moi serio para os veciños, que o sofren todos os días, que o sufriron todo o inverno; agora, no verán, igual, co agravante de que o turismo, que é fundamental para o noso rural, e máis na Ribeira Sacra, ten que desprazarse por estradas infames. Nesta comarca hai moitas casas de turismo rural, aloxamentos, adegas, etcétera, cuxos representantes nos din que non podemos presumir de promover o turismo, que non serve de nada traballar para atraer visitantes tendo as estradas provinciais neste estado”.