Desde Interior Galego Vivo aseguran que Galiza perdeu máis da metade das sucursais bancarias, acelerando un proceso de exclusión de servizos bancarios que afecta, sobre todo, ao medio rural. “No ano 2008 en Galicia funcionaban algo máis de 2.500 oficinas bancarias. En 2017 tan só quedan 1.599 oficinas, una redución do 36% en 8 anos. Para poder comprender a dimensión do proceso de peche de oficinas pódese indicar que temos menos que en 1978, ano no que existían en Galicia 1.668 oficinas bancarias, isto é, 69 oficinas máis que na actualidade.”
O anuncio de novos peches de sucursais de Abanca afectará moito aos municipios rurais, pois ten arredor de 470 oficinas, case 40% do total de sucursais bancarias, 33% delas en municipios de menos de 5.000 habitantes, segundo datos recollidos por Praza Pública. En 128 municipios Abanca é a única entidade con sede. Cómpre ter en conta que a entidade fechou 2019, cun beneficio neto de 405 millóns, 6,7% máis ca no exercicio precedente.
A nova política de Abanca incide na exclusión financieira, véndose afectada a cidadanía máis maior e con menores destrezas dixitais, así como as persoas que perden o emprego no sector da banca. Segundo o Banco de España 38 concellos galegos xa non teñen “ponto de acceso ao efectivo, isto é, que nen sequera teñen un caixeiro automático.”
Como solución IGV lembra que a Xunta pretende subvencionar caixeiros das entidades que fechen sucursais, con case tres millóns de euros en total. “Un concurso que, para máis INRI, gañou Abanca polo que, ao final de contas, a propria Xunta que liquidou as caixas galegas fomenta agora o feche de sucursais con fondos públicos.”
No caso dos concellos da Ribeira Sacra lucense nos que Interior Galego Vivo ten presenza a situación das sucirsais é a seguinte:
- A POBRA DO BROLLÓN: dende 2003 perdeu a metade das sucursais, quedando 2.
- CARBALLEDO: mantén 2 sucursais, mais a de Abanca desde este verao con horario reducido.
- CHANTADA: dende 2008 pasouse de 9 a 5 sucursais.
- FERREIRA DE PANTÓN: con catro oficinas en 2003, quedan 3.
- FOLGOSO DO COUREL: mantén dúas sucursais, mais con horario e días de atención reducidos.
- MONFORTE: de dezasete oficinas, só quedan 6, xa que o 15 de outubro fecha as portas o Sabadell mantendo só o caixeiro.
- O SAVIÑAO: de catro oficinas, só queda 1.
- QUIROGA: con cinco oficinas en 2003, só queda 1.
- SOBER: queda só 1 oficina de Abanca aberta, cando había 3 ata hai pouco.
- TABOADA: de catro oficinas, quedan 2.
Desde IGV entenden que, como cooperativa de crédito de ámbito galego con morada en Lugo (asociada ao Grupo Caja Rural) a entidade Caixa Rural Galega pode facer parte da solución e plantexan un convenio entre esta entidade e a Deputación.
Moción de IGV
Interior Galego Vivo trasladará nos concellos unha moción para acadar os seguintes acordos:
1.- O Pleno do Concello acorda comprometer a retirada de fundos das contas bancarias daquelas entidades que non teñan sede física no Concello optando polas que a manteñen e, nomeadamente, pola cooperativa de crédito Caixa Rural Galega.
2.- O Pleno do Concello acorda trasladar á Deputación Provincial de Lugo a proposta de impulsar un acordo entre o ente provincial e Caixa Rural Galega para acadar a implantación suficiente de oficinas desta cooperativa de crédito en toda a provincia e reverter a exclusión bancaria da veciñanza dos concellos de Lugo, para alén de recorrer a unidades móbiles e á instalación de caixeiros multientidade.
3.- A Corporación insta á Deputación de Lugo a ter un programa de axudas para concellos de menos de 5.000 habitantes sen servizos financeiros ou cunha única entidade para instalar caixeiros automáticos multientidade ou outra modalidade permitida por lei.
4.- Comunicar o presente acordo á Deputación de Lugo e aos concellos da provincia por se desexan sumarse ao mesmo.