InicioPolíticaGarantir a conexión telefónica e internet no Courel, demanda o BNG ao...

Garantir a conexión telefónica e internet no Courel, demanda o BNG ao Goberno do Estado

Néstor Rego traslada no Congreso a preocupación da veciñanza de Folgoso do Courel ante a grave situación que a desconexión causará no municipio tras o anuncio de que a compañía telefónica Movistar deixará de prestar o servizo a través da rede de cobre na zona.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O BNG reclama a intervención do executivo estatal para exixir a cobertura cun servizo alternativo e solucionar os problemas en materia de telecomunicacións existentes, aplicando as mesmas tarifas ofertadas ata o momento.

O pasado mes de novembro, un día antes da data anunciada inicialmente pola compañía telefónica Movistar para executar o corte das conexións de telefonía fixa e Internet por rede de cobre en Folgoso do Courel, rectificaba a súa decisión. “Esta decisión produciuse polo rexeitamento social e a repercusión mediática que tivo. A empresa, nese momento, comprometíase a realizar a desconexión física en 2022 garantindo que antes todas as persoas usuarias terían unha alternativa de servizo,” sinalan desde o BNG.

Dous meses despois, a compañía envía unha carta á veciñanza informando que en seis meses deixarán de prestar o servizo, pero as alternativas prometidas aínda non están executadas. “É certo que a moitas persoas usuarias da zona instalóuselles servizo de fibra óptica, mais existen moitos outros que non poden ter acceso á mesma, polo que terán que dispoñer dunha tecnoloxía alternativa” denuncia o deputado do BNG.

A isto súmaselle que, debido a orografía da zona, a principal opción, a conexión por ondas radioeléctricas, non funciona en moitos lugares do concello. Polo tanto, a alternativa non servirá para solucionar os problemas en materia de telecomunicacións existentes, pois en moitos núcleos non existe tampouco cobertura de telefonía móbil, nin de radio ou televisión adecuadas.

Por iso, a organización nacionalista traslada a preocupación da veciñanza en forma de preguntas ao Goberno. A decisión da compañía, segundo explica Rego, deixa a “moitas veciñas e veciños nun illamento tecnolóxico posto que o corte afectará a moitas liñas de teléfono da zona”. Nese sentido, o deputado do BNG reclama ao Goberno do Estado que interveña nesta situación e leve a cabo todas as medidas necesarias que permitan garantir un servizo básico de comunicación alternativo que substitúa o actual para toda a veciñanza, “que non pode nin poderá acceder ao ofertado pola compañía.”

Así mesmo, explica o BNG, o Goberno debe defender os dereitos das persoas consumidoras e usuarias “e que as tarifas sexan, cando menos, iguais ás anteriormente ofertadas”. É dicir, garantir o mantemento das tarifas porque, de non facelo, resultaría “abusiva a imposición dun novo prezo máis caro por un servizo deficiente”.

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...

O PP urxe a mellorar a ponte da estrada provincial LU-P-1305 en Folgoso do Courel porque “está caendo sobre o río”

O Grupo Provincial Popular esixe que a Deputación de Lugo coloque sinais de advertencia...