O BNG de Chantada informa e leva ao Congreso dos Deputados os procesos catastrais no concello

O sábado, día 19 de febreiro, o Bloque Nacionalista en Chantada organiza un acto informativo sobre o catastro ao tempo que vén de rexistrar no Congreso varias preguntas sobre os procesos catastrais que se levan a cabo no municipio.

Concello de Chantada / XdL

Nas últimas semanas están a chegar varias cartas do catastro a titulares do concello de Chantada, para a “subsanación de discrepancias” relativas á información coa que conta a Dirección Xeral do Catastro. A casuística recollida nas misivas é moi variada, vai desde os cambios de uso ata a alteración de superficies, “pero en todos os casos aos que tivemos acceso, hai un incremento do valor catastral”, sinalan.

Ao Bloque Nacionalista Galego cónstalle que, ademais das xa enviadas, ao redor de 4000 cartas máis están pendentes de envío en Correos. Ante esta situación, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego Candamil, rexistrou as seguintes preguntas ao Goberno do Estado:

1. Que procesos de natureza catastral se están a desenvolver no municipio de Chantada por parte da Dirección Xeral do Catastro?
2. A instancia de quen se promoven estes procedementos de “variación de
valores catastrais”? Iniciáronse de oficio pola propia Dirección Xeral do
Catastro ou a súa incoación débese a unha petición dalgunha outra
administración ou organismo público?
3. Cal é o número total de procesos abertos polo Catastro no concello de
Chantada e que tipo de expedientes se están a desenvolver? A que
responden?
4. Como é posíbel que a ponencia de valores date do ano 1988, segundo
consta nalgunhas das cartas recibidas así como na propia páxina web do
catastro, cando existe a obriga de renovala como máximo cada dez anos tal e Comarca de Lugo Sul como recolle o Real Decreto Legislativo 1/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario?
5. Por que cando aparentemente non se renova a ponencia de valores, se inicia unha subsanación de discrepancias masiva a un concello onde se teñen desenvolvido diferentes procesos catastrais nos últimos dez anos?

Desde o Bloque Nacionalista Galego en Chantada, consideran estes procesos
catastrais en marcha como un “novo catastrazo”, e por ese motivo convoca á veciñanza de Chantada a un acto informativo que se desenvolverá este sábado, día 19 de febreiro, ás 16:30h, na Casa Sindical de Chantada. Intervirán Rosa Ana Prieto Florines, Responsábel Comarcal do BNG, e Manuel Moure Montes, Responsábel do BNG en Chantada.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here