A Deputación de Lugo preocúpase pola caída do uso do galego entre a mocidade

O organismo provincial acordou, no Pleno Provincial deste martes 26 de abril, pedirlle á Xunta de Galicia que impulse medidas para fomentar o uso da lingua galega, especialmente para frear a caída de uso entre a mocidade. A moción do goberno provincial saíu adiante grazas aos votos a favor do PSdeG e do BNG e coa abstención do PP.

Pleno Deputación / Deputación Provincial

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, sinalou que no seu Plan de Dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 a Xunta recoñece que a partir do 2008 apréciase “un importante descenso do bilingüismo con predominio do galego que se traduce nun aumento dos usos monolingües en castelán”. Valorou que nese balance o Goberno autonómico “vén de recoñecer así o fracaso do seu modelo lingüístico e que o suposto bilingüismo harmónico non é tal. É tan só unha cortina de fume para agochar unhas políticas pensadas para manter a situación de preeminencia do castelán”.

Organismos como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega veñen advertindo en datas recentes do retroceso no uso do galego, “unha situación que está a facer retroceder a lingua a niveis propios dos anos 90”, recalcou García Porto sinalando ademais que “de acordo cos datos do Instituto Galego de Estatística, no ano 2008 un 14% dos alumnos e alumnas de Galicia recibían todas as súas clases en galego. No ano 2013, apenas catro despois da chegada do PP ao Goberno da Xunta, esa porcentaxe caera ata o 2,15%. Os datos do 2018 ofrecen unha nova caída. Só o 1% dos e das estudantes galegas cursan a totalidade das dúas materias en galego. Ese é o resultado do Decreto de Plurilingüismo de Feijóo do ano 2010”.

A Deputada fixo referencia tamén ao recorte no investimento para o fomento da lingua nestes últimos anos, feito que incide tamén na caída do uso do galego, e acordou: pedirlle á Xunta que faga seus e cumpra cos contidos da Carta Europea de Linguas Minoritarias para garantir o ensino en galego en todos os niveis educativos e tamén no sistema público de universidades, que se estude o impacto que ten o acceso ao teléfono móbil por parte dos nenos e nenas como factor que fai retroceder no uso do galego e que se adopten medidas proactivas sobre esta materia.

Ademais, abondando na preocupación polo fomento da lingua de Rosalía, a institución provincial insta ao Executivo autonómico a que potencie o investimento en contidos dixitais de calidade, en galego, dirixidos á mocidade, que o investimento no programa de fomento da lingua recupere, a lo menos, os niveis que tiña no ano 2009, e que a Xunta adopte medidas para fomentar o uso do galego na administración de Xustiza.

ENTREGA DE PUBLICACIÓNS EN GALEGO A ENTIDADES CULTURAIS

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo tamén está a impilcarse no fomento do galego e na visibilidade de obras escritas nesta lingua. Sen ir máis lonxe, días atrás colaborou na ampliación da biblioteca da Sociedade Cultural e Recreativa A Unión de Sarria coa entrega de máis de setenta publicacións en galego.

As obras entregadas están editadas polo Servizo de Publicacións e outras iniciativas editoriais coas que se colaborou desde a área de Cultura, na súa maioría obras de temática histórica, etnográfica, patrimonial, literaria ou artística. Entre os libros que chegan a esta biblioteca hai varios ligados a Sarria e á comarca como o poemario “Tigres coma cabalos” de Xela Arias ou a antoloxía coa súa obra poética “Poesía Reunida. 1982-2004”, “Escolas Agrícolas na segunda metade do s. XX”, que recolle a traxectoria da Granxa Escola de Barreiros ou o volume “Formas tradicionais da cerámica popular. Samos”.

Efrén Castro na Biblioteca da entidade cultural A Unión de Sarria.

O deputado Efrén Castro explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo estase a impulsar esta fórmula de colaboración con entidades e colectivos culturais para mellorar a difusión das obras que se editan desde o Servizo de Publicacións e promover a lectura en galego” e sinalou que “o material cedido ampliará a biblioteca que a Unión vén conformando a partir das doazóns de persoas socias, nun dos lugares máis emblemáticos do edificio, a carón das galerías recentemente rehabilitadas”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here