Os concelleiros piden nunha das súas mocións que o equipo de goberno de Monforte se dirixa ás distintas Administracións Públicas para que cadaquén dentro das súas competencias manteña desbravadas as súas titularidades e cumpran coas súas responsabilidades. Lembran que as administracións deben de ser as primeiras en respectar a lexislación e aseguran que no concello de Monforte e na contorna nin a Xunta, nin o Concello, nin a Deputación levan a cabo desbroces das estradas da súa titularidade coa eficacia que se debera.
En previsión de que nos vindeiros días se comece a traballar para levar ao pleno as ordenanzas fiscais, os mesmos concelleiros presentan un rogo sobre as taxas do cemiterio municipal. Piden que se rebaixe esta taxa por cambio de titularidade e se poña un valor económico o máis accesible posible co fin de facilitar a actualización dos titulares dos nichos no Cemiterio Municipal.
Outro rogo ten que ver cun camiño na parroquia de Santa Mariña do Monte. Aseguran os concelleiros non adscritos que nesta parroquia se reparou o camiño de Hortos, pero que se deixou un pequeno tramo que se atopa deteriorado e que conduce a dúas vivendas. Din que os veciños se sinten discriminados por non ter feito esta reparación, por iso lle piden ao equipo de goberno que na próxima licitación de acondicionamento de camiños se contemple a reparación deste pequeno treito.