Nas alegacións de Por Chantada refírense ´á filosofía que sustenta o PTE e a cuestións técnicas e concretas do proxecto, cuestionan as actuacións propostas e aspectos da normativa como prohibir instalacións apícolas no ámbito. Así aseguran, “enténdese deste xeito a opacidade e falta de transparencia e que non houbese unha participación pública real e que o PTE veña imposto desde Santiago sen contar coa viciñanza de San Fiz nen coa sociedade civil local. É unha monumental tomadura de pelo que o único acto informativo, realmente propagandístico, se celebrase ás 10 de mañá, entre semana, e na véspera de rematar o prazo de alegacións.”
Quéixanse tamén de que as cartas enviadas aos proprietarios sexan posteriores ao prazo de alegacións e inclúan unha ligazón que non funciona e recomendando un navegador que xa non existe (Internet Explorer).
Por Chantada asegura que o PTE divide os investimentos en dous níveis, o primeiro nível de actuación con 800.000 euros e o segundo nivel que deixa no ar cando e como se executará e que supera os 8 millóns. “A nosa candidatura viciñal entende que debe existir un equilibrio maior. 4 millóns deberían executarse no ámbito con carácter inmediato (2023-2024) e a nosa proposta é que se destinen a dotar de saneamento e depuración á parroquia e para recuperar viñedos cos que mobilizar un banco para que a mocidade poida incorporarse ao sector primario. Estas actuacións son de maior utilidade e proxección futura para o territorio que cinco miradoiros artificiais que son un malgasto e unha visión urbanita da paisaxe e do territorio”.
Esixen que no PTE apareza estimado o orzamento da actuación que debe desenvolver Naturgy con cargo ao fundo de compensación ambiental. Aseguran que nas alegacións dan alternativas “ao gasto millonario nun intercambiador na explanada de Amedo ou o faraónica investimento de cinco millóns na ladeira xunto á coñecida como curva dos cipreses, onde se faría unha instalación hostaleira cuxa regulación e natureza o PTE non desenvolve nen explica.”
Por Chantada propón a rexeneración do espazo natural dos Cachóns do Asma e a recuperación dos seus elementos patrimoniais (muíños, devesas, fábrica de luz do Evaristo… “Un espazo verde que require actuar sobre a insuficiencia da depuradora de Chantada para evitar o cheiro e a contaminación que rematan no encoro de Peares. A explanada de Amedo debería ser un espazo sociocultural e natural ao servizo antes de máis da poboación local e non un simple aparcadoiro para encher de turismos e autobuses”.
Lamentan desde Por Chantada que o concello siga sen ter unha árbore senlleira catalogada e rematan asegurando que defenden os intereses da maioría social, “antepondo o sector primario, a natureza e os direitos das vindeiras xeracións aos escuros e nunca explicados intereses dunhas institucións que gobernan de costas ao pobo que din representar.”