A súa andaina como concelleiro comezou nas eleccións municipais do ano 2003 no que concorreu por primeira vez na candidatura do Partido Popular de Quiroga acadando unha acta como Concelleiro, ata a súa dimisión ocupou distintas responsabilidades no ámbito municipal chegando a ser Tenente de Alcalde.
Rivera é unha persoa coñecida na vila, traballou nun banco durante máis de 30 anos e forma parte da vida cultural de Quiroga como responsable da Agrupación de Gaitas dende 1992. Tamén participou activamente na organización das festas locais durante 40 anos e é un dos precursores da Feira do Viño creada en 1983.
O motivo da dimisión, segundo aclarou o xa ex-concelleiro, “foi por unha banda a falta de confianza no Alcalde e por outra a imposibilidade de convivir e sacar proxectos adiante para o municipio”, asegura.
Esta última dimisión únese a da Ex-Tenente de Alcalde producida o pasado ano. As dúas dimisións de membros do Goberno en 2 anos quedaron fora do foco público, e tardouse máis de 3 meses en dar conta ao Pleno da Corporación da dimisión.
A día de hoxe aínda non se cubriu o posto que deixou baleiro no mes de maio Rivera no Pleno Municipal. Preguntado polo futuro, Rivera apuntou que “este non é nin moito menos un punto e final na miña vida política, teño moito que aportar, Quiroga é o meu pobo e continuarei traballando para melloralo”.