O Parlamento pide ao Goberno Central telefonía e internet de calidade no Courel

O BNG impulsou o acordo do Parlamento galego para solicitar ao Goberno estatal, medidas para que as vivendas do rural galego, incluídas as do Courel, sexan dotadas dun servizo de telefonía fixa e Internet de calidade. A iniciativa nacionalista, que foi aprobada por unanimidade, recolle tamén que este servizo sexa facilitado a un prezo asumible para garantir a igualdade na accesibilidade no rural.

Unha estudante fronte ao ordenador | Fonte: EFE

A deputada do BNG, Carme Aira, advertiu das graves deficiencias de cobertura no concello de Folgoso do Courel, situación á que, segundo recalcou, “non parece beneficiar en nada a retirada do cable de cobre e o peche da estación no Courel por parte da compañía Movistar -coa autorización da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia-, xunto coa estratexia de levar a fibra soamente a dous núcleos, os de Seoane e Folgoso, deixando o resto de lugares do municipio sen opción dunha boa conectividade no relativo a móbil e Internet”.

“Mentres nas cidades instalan fibra seis ou sete empresas de xeito simultáneo e polos mesmos cauces, multiplicando por sete os metros de fibra, no rural escatímase a súa instalación para o que parece facerlle o traballo cómodo e rendible a Movistar, que exerce o seu papel hexemónico nas comunicacións no rural”, incidiu, para cuestionar a continuación que unha estratexia que compila numerosos investimentos con fondos europeos que van destinados a unha dixitalización global do territorio europeo “supoña, como sucede no Courel, unha perda de servizos”.   

Logo de apelar á responsabilidade da Xunta á hora de velar pola correcta dixitalización do territorio galego, a deputada do BNG recordou que a conectividade do Courel é unha “necesidade imperiosa” para un concello que padece unha importante perda de poboación pola falta de servizos e de políticas eficientes para revitalizar o rural, pero que conta cunha potencialidade turística que é imprescindible aproveitar precisamente para recuperar e fixar poboación.

Pola súa banda, a deputada do Grupo Popular, Raquel Arias, lembrou que, desde a aprobación do Real Decreto 462/2015, “a capacidade de acción das comunidades autónomas para a cobertura en materia de telecomunicacións quedou limitada e os fondos FEDER plurirexionais para esta finalidade se centralizaron no Ministerio correspondente”.

“Na actualidade, a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, España dispón de máis de 4.000 millóns de euros de fondos europeos para dar resposta aos retos da competitividade, especialmente no ámbito rural”, explicou a deputada popular. Porén, destes máis de 4.000 millóns de euros, tan só o 9 por cento se transferirán ás comunidades autónomas e Galicia recibirá 19,1 millóns de euros.

Raquel Arias manifestou que o Goberno galego xa ten previsto o destino destes fondos europeos: 8,6 millóns para o reforzo da conectividade dos centros públicos; 4,8 millóns para a mellora da conectividade en polígonos industriais; 4,3 millóns para a mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios anteriores a 2000; e 1,4 millóns para unha axuda de 240 euros a conectivos vulnerables para a contratación de servizos de banda larga durante un ano.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here