Néstor Rego urxe ao Goberno do Estado a reactivar os servizos de Tren Nocturno ou Tren Hotel

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou iniciativas no Congreso para o seu debate e votación co obxectivo de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recupere os servizos ferroviarios nocturnos, suprimidos durante a pandemia, que conectaban a Galicia con outros territorios da península como Madrid ou Cataluña.

Néstor Rego, deputado do BNG no Parlamento. Foto: BNG

O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, aposta por mellorar os servizos ferroviarios en Galicia e, particularmente, en zonas que, como o caso das comarcas de Quiroga e Lemos, sofren as consecuencias do despoboamento e que precisan de conexións de transporte axeitadas para favorecer o desenvolvemento da súa economía.

A declaración do estado de alarma durante a pandemia da COVID-19 provocou a suspensión dos traxectos nocturnos en tren que unían, a través dos chamados tren-hotel, a Galicia con Barcelona, Madrid, Portugal e Francia. Mais agora, malia que se normalizaron por completo os desprazamentos, o Goberno do Estado non recuperou os servizos ferroviarios nocturnos. De feito, segundo as declaracións realizadas por varias persoas con responsabilidade dentro do MITMA, semella que non existe interese en reactivar este servizo.

“O Estado español parece ser o único estado europeo que avoga pola desaparición dos servizos ferroviarios nocturnos, curiosamente unha alternativa de transporte sustentábel e viábel para as persoas usuarias, mentres outros países apostan pola impulsar estes servizos” explica o deputado do BNG,  Néstor Rego, sinalando tamén que “a axilidade ou duración da viaxe poden ser factores determinantes para moitas persoas, mais noutros moitos casos, a comodidade, o prezo ou a non interferencia cos horarios laborais poden pesar máis”.

OBXECTIVO: RECUPERAR OS TRENS-HOTEL

Neste sentido, a fronte nacionalista aposta por recuperar os servizos de Tren Nocturno ou Tren Hotel que foron suspendidos tras a declaración do estado de alarma durante a pandemia pola COVID19 e que aínda non foron repostos “como o Tren-hotel Atlántico de conexión con Madrid ou o Tren-hotel que conectaba Galicia con Cataluña”.

“Trátase dunha demanda que conta cun gran apoio social; de feito, decorreron xa distintas protestas e convocatorias de concentracións reivindicativas por parte de organizacións e colectivos das comarcas máis afectadas para reclamar a recuperación de todas as suprimidas coa escusa da pandemia e, en especial, a restitución dos trens nocturnos” lembra o deputado nacionalista.

COMARCAS AFECTADAS NO SUR DE GALICIA

O Bng afirma que o Goberno do Estado “debe apostar pola mellora e reposición de servizos ferroviarios en zonas que, como o caso das comarcas de Quiroga e Lemos, sofren as consecuencias do despoboamento e que necesitan de conexións de transporte adecuadas para o desenvolvemento da súa economía”.

Para as comarcas de Lemos, Quiroga e Valdeorras, contar con estas conexións ferroviarias resulta de vital importancia, sobre todo, no caso da conexión con Barcelona. “A poboación destas comarcas teñen lazos familiares con Cataluña xa que moitas persoas tiveron que emigrar e os seus descendentes, agora, fan estes desprazamentos de maneira habitual” incide o deputado do BNG.

COMUNICACIÓNS BÁSICAS PARA O DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Tendo en conta que a Ribeira Sacra aspira a ser Patrimonio da Humanidade, con gran parte do territorio afectado de Lemos e Quiroga catalogado como Ben de Interese Cultural da Paisaxe, e a Comarca de Quiroga presumindo de Xeoparque da UNESCO, resulta de toda lóxica pensar que o servizo ferroviario reivindicado é moi necesario. A recuperación destes traxectos contribuiría, en palabras de Rego, “ao desenvolvemento da actividade económica e, ademais de permitir o mantemento de postos de traballo, tamén favorecería a creación de novos”.

 O turismo sustentábel supón unha grande oportunidade para o desenvolvemento económico do territorio e promover a fixación de poboación mais, para isto, precísanse dunhas adecuadas conexións de transporte” destaca tamén o representante dos nacionalistas galegos no Congreso.

Estación de tren de Monforte de Lemos / XdL

Días atrás anunciouse que se situará en Monforte de Lemos un Centro de Ciberseguridade de Renfe, noticia ben recibida pero que resulta paradóxica, din dende o BNG, xa que o Goberno só mantén catro conexións de tren con esta localidade e “cunha má programación e horarios inadecuados, un servizo ferroviario que resulta evidente que non se corresponde cun transporte propio do século XXI”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here