InicioPolíticaMiguel Ángel Fernández e José Manuel Gayoso candidatos socialistas en Triacastela e...

Miguel Ángel Fernández e José Manuel Gayoso candidatos socialistas en Triacastela e O Páramo

José Manuel Gayoso asegura querer facer O Páramo “máis moderno e competitivo e dotalo de todos os servizos, como merecemos, escoitando para elo aos veciños e aos colectivos. Todos xuntos levaremos a cabo as actuacións necesarias”. Pola súa banda o exalcalde de Triacastela, Miguel Ángel Fernández marca como prioridades a construción dun Centro de Día, o saneamento nas parroquias e a mellora das vías de titularidade municipal, ademais de “poñer ao día as contas do Concello. Queremos luz e taquígrafos sobre o orzamento municipal, despois dos graves defectos detectados polo Consello de Contas."

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

José Manuel Gayoso é o candidato do Partido Socialista para gañar a Alcaldía do Páramo nas vindeiras eleccións municipais, naceu hai 61 anos no lugar de Bravos, pertencente á parroquia de Friolfe. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou “o compromiso co seu pobo que demostra o coñecido empresario da localidade ao liderar o proxecto socialista, así como o seu coñecemento da realidade do seu concello, das súas necesidades e do seu potencial para impulsar, dende o consenso e con rigor, medidas que revertan no benestar dos veciños e veciñas e no desenvolvemento económico do Páramo”.

Sobre a súa decisión de presentarse á Alcaldía, sinala que, “vistos os últimos acontecementos na vida municipal, creo que eu e o meu equipo podemos aportar traballo e ilusión para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños. Cremos que hai outra forma de facer política, por iso estamos neste punto, e, se os nosos veciños nos dan a súa confianza, pronto o verán plasmado”. Solucionar os fallos no subministro municipal de auga, ofrecer máis servizos e alternativas aos maiores e á mocidade, o apoio ao sector primario e a mellora das comunicacións por estrada serán piares do seu programa electoral.

Miguel Ángel Fernández / PSOE provincia de Lugo

Miguel Ángel Fernández López é o cabeza de lista do Partido Socialista para gañar á alcaldía de Triacastela. O candidato xa foi rexedor deste concello da Montaña lucense, e actualmente tamén é Concelleiro na Corporación municipal.

José Tomé Roca salientou que o candidato “está sobradamente preparado para gobernar, xa que exerceu esta responsabilidade durante doce anos. Polo tanto, coñece o concello palmo a palmo, e o máis importante, sabe das necesidades da veciñanza e como aproveitar as oportunidades do municipio para crear riqueza e emprego”.

Fernández López subliña que afronta esta nova etapa “acompañado dun equipo de veciños e veciñas dispostos a traballar e colaborar para reivindicar A Montaña como un territorio cun sinal de identidade único, do que sentirnos moi orgullosos, e ao mesmo tempo, un lugar no que poidamos realizar o noso proxecto de vida”.

“Queremos fixar poboación e, para elo, temos que ofrecer máis e mellores servicios públicos, así como medidas para a conciliación ou incluso outros incentivos para as familias. Triacastela merece outro futuro, non podemos  seguir perdendo oportunidades”, incidiu o candidato.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...