InicioPolíticaPor Chantada presenta unha moción contra a imposición da custodia compartida cando...

Por Chantada presenta unha moción contra a imposición da custodia compartida cando non concorre a vontade dos proxenitores

O grupo municipal Por Chantada-IGV presenta ao Pleno da corporación, unha moción contra a imposición da custodia compartida cando non concorre a vontade de ambos proxenitores. A formación política refírese tamén ao informe do Consello de Contas de Galicia respecto ao Concello de Chantada.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A moción sobre a custodia compartida que presenta Por Chantada apoia ao colectivo Infancia Libre do que fai parte unha veciña do municipio. Coa iniciativa quérese insistir en que malia a mellor aceptación e regulación dos procesos de separación e divorcio, a casuística segue a ser moi ampla e non son infrecuentes as rupturas cun alto grao de hostilidade que repercute nas crianzas.

Por Chantada considera (avalando as queixas e reivindicacións de distintos colectivos) que o arbitrio xudicial está dando lugar a que Xulgados e Tribunais impoñan custodias compartidas que non son desexadas por ambas partes, apartándose dos criterios referidos e estabelecidos pola Xurisprudencia, dando lugar segundo refire a moción “a resolucións que, invocando o interese superior das crianzas, impoñen a custodia compartida en situacións claramente desaconsellables e tremendamente lesivas para as crianzas e para as demais partes”.

Insisten na importancia da custodia compartida coma “o réxime desexábel [que] non debe ser cuestionado cando supón o mantemento dunha situación de corresponsabilidade real nos coidados durante a convivencia das persoas proxenitoras”, pero entende que a igualdade real e efectiva no reparto dos coidados “está lonxe de ser unha realidade, sendo aínda maioritariamente as nais as que asumen a maior carga de coidados nas crianzas e a case totalidade desa parte invisíbel que chamamos carga mental, polo que resulta incoherente que esa dedicación desproporcionada á crianza non se teña en conta á hora de atribuír a custodia de menores, cando a persoa proxenitora que se encargou maioritariamente dos coidados non está conforme coa custodia compartida”.

Informe do Consello de Contas de Galicia

Sinala a formación política que o Consello de Contas non pode analizar a información de Chantada porque non recibiu ningún dato, “Non remitiron a relación de contratos do 2019 e 2020, e temos un problema crónico de contratación á dedo e sen cumprir coa Lei de Contratos do Sector Público (LCSP). Tampouco remitiron a información de control interno dos contratos deses anos”.

Segundo Por Chantada, no período analizado houbo 112 reparos de intervención e máis de medio cento de omisiós de fiscalización, “é dicir, advertencias da Intervención municipal sobre o incumprimento dos procedementos e da lexislación”.

Por Chantada entende que se deben reforzar os mecanismos de control e sancionadores para as Administracións Públicas que incumpran a obriga de transparencia, rendición de contas e control interno “xa que son portas abertas para o desfalco, o clientelismo e a corrupción que encetan e gangrenan a democracia”.

ÚLTIMAS

Monforte estrea novo furgón de atestados para a Policía Local

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou o novo furgón de atestados para...

Redes Lilas visibiliza en Sober ás mulleres asasinadas en España no último ano

Esta semana tivo lugar a terceira actividade da programación feminista de 'Redes Lilas', proxecto...

Concerto do violonchelista Carlos Vidal, o 14 de abril en Sober

O músico, Carlos Vidal, ofrece o domingo, día 14, un concerto de violenchelo en...

María Vázquez será ‘pregoeira na súa terra’, na XXI Festa da Carne ao Caldeiro

O domingo 14 de abril terá lugar unha nova edición da Festa da Carne...