Pensións dignas, unha protesta con escaso eco en Monforte

Monforte sumouse esta tarde, cun decepcionante seguimento, ás mobilizacións convocadas pola CIG en toda Galicia en demanda de pensións dignas. Unhas corenta persoas concentráronse diante do concello para reivindicar os dereitos dos xubilados presentes e futuros.

Concentración diante do Concello de Monforte

As pensións semella que non son un problema na Terra de Lemos. En Monforte, como en moitas cidades galegos, tivo lugar unha mobiización en demanda de pensións dignas e, de paso, tamén se reivindicaron emprego e salarios decentes.

A concentración comezou ás 20:00 horas diante do concello de Monforte. E alí, convocados pola central sindical CIG, só se deron cita unhas corenta persoas que amosaron a súa indignación coas políticas do goberno demandando ademais un sistema público de pensións que garanta que se cobre hoxe e tamén no futuro. E, aínda que é un problema dos pensionistas actuais tamén se evidenciou que o tema tamén é preocupante para os que veñen detrás, fillos e netos.

Monfortinos en demanda de pensións dignas

“Non faltan cartos, sobran ladróns”, “reforma laboral, reforma das pensións, esiximos derrogación” ou “mans arriba, isto é un atraco” foron as consignas que se berraron. Ao final da mobilización un dos convocantes leu un manifesto. A anécdota da tarde foi que no transcurso da mesma entraba no concello o alcalde José Tomé e nese momento os manifestantes berraron “a ti que estás mirando, tamén che están roubando” e “e a culpa de quen é? do PSOE e do PP”.

O tema central do manifesto foi reivindicar un sistema público de pensións digno, xa que foi unha conquista da clase traballadora tras décadas de loita, e deixar claro que as mobilizacións non cesarán. Ademais aproveitouse esta convocatoria para lembrarlle aos asistentes á Folga Xeral do 19 de xuño,  convocada só pola CIG, aludindo que é a “arma máis poderosa” que hai para defender as pensións públicas e os dereitos roubados á clase traballadora galega. Uns pensionistas e nha clase traballadora que esta tarde, alomenos en Monforte, preferiron ocupar o tempo noutras cousas que acudir a esta protesta.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here