No pleno do pasado martes, tanto PSOE como BNG votaron en contra dunha moción do Grupo Provincial Popular na que se reclamaba o arranxo das estradas provincias na zona sur da provincia, un voto en contra que xustificaron en que “xa facían o suficiente no referente ao mantemento da rede viaria provincial”.
Segundo os populares este voto en contra evidencia “a nula sensibilidade e subxectividade” do goberno de José Tomé que “dá un trato diferente aos veciños da provincia, en función da cor política do alcalde que goberne cada concello, polo que pedimos a PSOE e BNG que recapaciten e teñan en conta as reclamacións da veciñanza, xa que a necesidade de mellorar o estado das estradas é a principal reivindicación dos veciños de 66 dos 67 municipios lucenses”.
Poñen como exemplo a a LU-P-0910, en Bóveda, que “cunha simple ollada evidencia a necesidade urxente que ten de realizar tarefas de mantemento. Hai puntos nos que non hai máis dun metro de asfalto de ancho”, denunciou.
Antonio Ameijide critica “a nula sensibilidade” de PSOE e BNG á fronte da Deputación “cuxa única preocupación é dar fondos ilimitados aos seus alcaldes afíns, sen preocuparse por máis da metade dos veciños da provincia”.
Tras este voto en contra, Antonio Ameijide criticou “a nula coherencia” de socialistas e nacionalistas xa que “mentres os concelleiros do PSOE e do BNG votan nos seus concellos a favor de que se arranxen as estradas da Deputación, no goberno provincial desoen aos seus propios compañeiros de partido e votan en contra desta necesidade”.
Pola súa banda, o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, lamenta “o sectarismo” do goberno provincial. “A realidade non é que castiguen ao alcalde de Bóveda, o que están a facer o PSOE e o BNG dende o goberno da Deputación é maltratar e poñer en perigo a todos os veciños de Bóveda”, denunciou.