HomePolíticaUn paso peonil para Santo Estevo do Sil, demandan PP e BNG

Un paso peonil para Santo Estevo do Sil, demandan PP e BNG

Os senadores do PP levarán unha iniciativa á Cámara Alta para solicitar ao Goberno do Estado habilitar un paso na zona, segundo anunciou Barreiro durante unha reunión cos veciños e veciñas afectadas xunto ao alcalde de Pantón e o portavoz do Grupo Popular na Deputación. Mentres o BNG demanda novamente a ADIF garantir o paso directo na estación de tren de Santo Estevo de Sil.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O senador lucense, José Manuel Barreiro, anunciou que os representantes do Partido Popular levarán unha iniciativa á Cámara Alta para demandar ao Goberno do Estado a habilitación dun paso para favorecer a comunicación entre ambas marxes da vía ferroviaria no lugar de Santo Estevo do Sil, en Pantón. “Faremos valer a maioría do Grupo Popular no Senado para darlle a Sánchez a orde de tomar medidas para evitar esta discriminación a Santo Estevo do Sil e aos seus veciños e veciñas”, indicou Barreiro.

O peche metálico bloquea, ademais, a única saída en caso de incendio dentro da vía ou de inundación; xa que este núcleo se atopa en zona de risco por estar nunha cota inferior ao encoro de Santo Estevo do Sil, igual que os primeiros metros da vía provincial LU-P-4103 que comunica o lugar. O portavoz do PP na Deputación apuntou que “estaremos vixiantes tamén para que as obras que se están a acometer na estrada garanten as comunicacións en condicións de seguridade para os usuarios”.

Os populares téñense interesado pola situación dos veciños deste núcleo advertidos polo alcalde de Pantón. Tanto os deputados do PP lucense coma os senadores esixiron explicacións á administración competente dende o primeiro momento “en defensa dos dereitos do habitantes desta zona de Pantón”. Os representantes do PP por Lugo tamén rexistraron iniciativas no Congreso e no Parlamento de Galicia para esixirlle a Adif unha solución neste punto coa que permitir o acceso a estas vivendas e propiedades.

O BNG esixe a ADIF restabelecer o paso peonil

As actuacións de ADIF na estación de Santo Estevo de Sil incluíronse no marco das obras de electrificación da liña Monforte-Ourense mais implicaron tamén o levantamento de balados metálicos en ambas marxes da vía, impedindo o paso histórico que permitía o acceso ás leiras e viñedos situados na beira do río Cabe. Isto afecta gravemente á veciñanza, que se ve privada de servizos básicos como a recollida de lixo, ademais de impedir o mantemento dos socalcos de viñedo, que forman parte da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

O BNG esixe aclarar se ADIF comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza estas actuacións, tendo en conta que o espazo no que se sitúa a estación está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e conta coa catalogación de núcleo. A organización nacionalista demanda saber se a Xunta autorizou estas obras e cal foi a súa resposta en relación á execución das mesmas.

Ademais, o BNG considera fundamental que ADIF rectifique a súa decisión e habilite un paso directo para permitir o acceso á veciñanza, ben mediante unha cancela en cada lado da vía ou, no seu defecto, mediante un paso elevado ou soterrado que garanta a continuidade da mobilidade. “O que ADIF está a facer en Santo Estevo de Sil non só implica un agravio para a veciñanza, senón que tamén atenta contra mantemento da riqueza cultural e paisaxística da Ribeira Sacra, un espazo que conta coa máxima protección patrimonial e que forma parte da candidatura a Patrimonio da Humanidade” denuncia Néstor Rego.

Rosana Prieto Florines, responsable comarcal do BNG e portavoz no Concello de Pantón, esixe que ADIF rectifique de inmediato para evitar o illamento da poboación. Neste sentido, reitera a necesidade de manter unha reunión cos veciños e veciñas afectados para negociar unha solución que garanta a mobilidade.

ÚLTIMAS

O PP da Pobra do Brollón pide maior planificación das obras

Teddy López realiza esta petición despois de ver como esta semana foron moitos os...

Abre a tempada de Rutas Fluviais na Ribeira Sacra con 15.453 reservas

A tempada 2025 das rutas fluviais pola Ribeira Sacra comeza cunha gran acollida por...

3CUMIOS, levando o nome da Ribeira Sacra ao máis alto

A Expedición Huascarán 2025 levaraos á Cordilleira Branca en Perú, a unha altitude de...

Ribeira Sacra fórmase en Novas Tecnoloxías IA para o sector vitícola

A iniciativa, tal e como explica a CEL, foi unha oportunidade única para coñecer...