200 preguntas sobre xestión municipal sen contestar

Esta é a denuncia que fai o PSOE da Pobra do Brollón respecto das cuestións expostas ao Goberno municipal que, segundo eles, non foron contestadas en tempo e forma ao longo desta lexislatura.

Javier González, PSOE da Pobra do Brollón. Foto: PSdeG PSOE Lugo

O voceiro do PSOE da Pobra do Brollón, Javier González, denuncia que das preto de 200 preguntas formuladas polos socialistas ao Goberno local do BNG estas ou non foron contestadas ou de contestarse fíxose fóra de prazo, incumprindo así a normativa vixente.

Así mesmo critican que o Goberno municipal tampouco facilita a documentación requirida para que a agrupación opositora poida desempeñar o seu traballo. En palabras de González: “Esiximos ao Alcalde que cumpra estritamente coas súas obrigas e deixe de menosprezar as necesidades dos vecinos da Pobra do Brollón, pois moitas das preguntas que realizamos proveñen das demandas que nos fai chegar a cidadanía. O Señor Maceda está traspasando os límites democráticos para esconder a súa nefasta xestión dos recursos públicos durante este mandato”.

As preguntas que din non ter contestación polo mandatario e equipo de Goberno teñen que ver, segundo os socialistas, con proxectos importantes para os veciños e veciñas como por exemplo as obras públicas, protección civil, saneamento ou traída de auga ou xestión de montes comunais.

Ademais do anterior tamén critican levar 8 meses sen recibir ningunha acta das sesións plenarias e que o rexedor non acceda a modificar o horario dos plenos, establecidos ás 12:00 h., xa que imposibilita a algúns concelleiros asistir aos mesmos por motivos laborais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here