Nin vinte e catro horas, transcorridas dende que falou con este medio, lle fixeron falta a Julia Rodríquez para desfollar a margarida e tomar a decisión de abandonar a presidencia do partido a nivel local. Era visto, e xa se cheiraba no ambiente, pero foi o xoves 24 de xaneiro cando o fixo oficial nunha reunión que mantivo na sede do partido da cidade co Cabe cos compañeiros e compañeiras de partido.
Para moitos estaba cantado e xa bastante contención tivo aguantando ata este momento despois dos continuos despropósitos que se viñeron dando dende que transcendeu que en Lugo tiñan un candidato á alcaldía de Monforte e este era o empresario Roberto Eireos.
Rodríguez, molesta con este movemento do que non tivo constancia persoal previa, tivo apoio a nivel local provocando que Eireos acabase renunciando ao ofrecemento de liderar lista por Monforte. Era o momento de volver a intentalo e Julia deu o paso avalada pola dirección local. E nin con esas, cansada de esperar un pronunciamento do PP provincial apartouse e deixou vía libre, momento no que transcendeu o nomeamento de José Miguel González Lemos.
Julia Rodríguez mantívose na prudencia, demostrou moita contención e fidelidade ao partido co cal ningún medio lle sacou ata o momento “de palabras dela” o seu sentir real. Nas últimas comparecencias e declaracións á prensa moveuse no terreo das evasivas e das vaguedades para non dicir o que realmente pensa, pero a decepción non se pode ocultar xa e o desgaste emocional é evidente co cal o lastre ten que empezar a saír. Velaquí a primeira entrega, dimisión como presidenta do PP monfortino nas portas da presentación do candidato este sábado 26 de xaneiro. Quizais solte máis lastre, pero xa se saberá…