HomePolíticaA oposición de Monforte pide a dimisión de Tomé

A oposición de Monforte pide a dimisión de Tomé

O Concello de Monforte celebraba pleno extraordinario este mércores a última hora da tarde para aprobar o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias ao Sergas. O pleno tiña lugar menos de 24 horas despois do programa da tv estatal no que se coñecían as presuntas denuncias internas ao Presidente da Deputación, José Tomé, por acoso.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Tres horas antes do pleno, Tomé ofrecía unha rolda de prensa na sede dos socialistas en Monforte na que anunciaba que solicitaba a suspensión cautelar de militancia e deixaba a presidencia da Deputación para seguir como deputado non adscrito. Informaba tamén de que seguía como alcalde de Monforte non adscrito e estará acompañado do seu equipo de goberno.

No pleno, seguido por numerosos medios de comunicación e veciñanza, o rexedor non fixo ningunha mención ao sucedido, despois de que o secretario explicara que a iniciativa do PP para tratar o tema, non tiña lugar nun pleno extraordinario. Este feito fixo que os populares abandonaran a sesión.

Nas súa intervención, o BNG esixiu a renuncia de José Tomé como alcalde de Monforte “por responsabilidade política, coherencia institucional e respecto ás vítimas. Desde o Bloque queremos deixar claro que a responsabilidade política debe aplicarse nos mesmos termos a todos os cargos públicos, sen excepcións. Como organización que defende a ética institucional e a igualdade, non podemos aceptar que quen dimite dunha administración tan relevante como a Deputación considere, ao mesmo tempo, axeitado manter a Alcaldía de Monforte”.

Pleno Monforte 10-12-25 / XdL

Nesta situación o BNG asegura que Monforte merece estabilidade e confianza, “Este episodio coloca ao concello nunha situación de enorme gravidade, erosiona a credibilidade institucional e condiciona o normal funcionamento da cidade. Monforte non pode permitirse estar sometida a esta sombra nin un día máis. O PSOE debe dar explicacións e actuar con responsabilidade”.

Tamén Esperta Monforte solicita a dimisión de Tomé como alcalde e concelleiro e aseguran non comprender o respaldo dos concelleiros e concelleiras do PSOE monfortino “a que permaneza tanto como alcalde como concelleiro, un apoio que supón un desprezo ás posibles vítimas.”

Desde Esperta Monforte aseguran que de non dimitir valorarán a presentación dunha moción de censura “para comprobar se todos os concelleiros e concelleiras do PSOE continúan apoiándoo de verdade. Monforte non merece este desprezo á cidadanía nin estas manobras de manipulación por parte do PSOE”.

Pola súa banda o PP lamenta que Tomé “siga sen dar explicacións sobre o acontecido” e esixe tamén por “responsabilidade e coherencia a dimisión de Tomé tanto como deputado como alcalde de Monforte”. Esixen aos máximos responsables do PSOE a nivel autonómico e provincial aclarar se coñecían as denuncias.

Este xoves, en rolda de prensa, a secretaria xeral do PP, Paula Prado, esixía a dimisión de José Tomé e poñía o foco nun BNG ao que invita a “romper dunha vez por todas” co PSOE. A número dous dos populares galegos acusou á “cúpula socialista” de “coñecer e amparar” todo isto e por iso sostén que o PSOE “non ten absolutamente ningunha autoridade moral para falar en nome das mulleres”. “Se o BNG realmente, como di, quere ao agresor fóra das institucións, está nas súas mans sacalo”, subliñou a secretaria xeral dos populares galegos poñendo o foco no papel deste partido como “parte da ecuación de goberno” da Deputación de Lugo.

ÚLTIMAS

Máis de 1.000 inscritos na XVI Carreira Popular do Concello de Monforte que pecha inscricións o día 21

A XVI Carreira Popular do Concello de Monforte, que se celebrará o domingo 26...

A Conselleira de Medio Rural avalía en Pantón e Folgoso do Courel iniciativas para a prevención de incendios e o desenvolvemento rural

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da...

O PP advirte que “o Goberno de Sánchez non compromete unha data para o remate da rehabilitación da N-540”

Os deputados do PP no Congreso por Lugo e Ourense consideran preocupante que “o...

Xornada de formación ambiental e pesca responsable en Monforte

A cidade de Monforte acolleu unha interesante xornada formativa sobre medioambiente e pesca responsable...