HomesociedadeXulgados por enviar falsos xustificantes bancarios tras transferir só 2 euros: unha...

Xulgados por enviar falsos xustificantes bancarios tras transferir só 2 euros: unha exedila de Láncara e o seu pai enfróntanse a prisión

A Fiscalía acusa aos procesados de manipular documentos para simular pagos de máis de 39.000 euros por unha obra e 10.000 pola compra dun tractor.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A exedila de Láncara, Begoña López, e o seu pai compareceron este xoves na Audiencia Provincial de Lugo acusados dun delito continuado de estafa e falsidade documental, tras presuntamente non pagar a un construtor polas obras dunha vivenda nin ao dono dun taller pola compra dun tractor. Ambos enfróntanse a dous anos e seis meses de prisión e a unha multa de 2.400 euros, segundo solicita a Fiscalía, mentres que a acusación particular eleva a petición a catro anos de cárcere e 6.000 euros de multa.

TRANSFERENCIA DE 2 EUROS CONVERTIDA EN 39.000

Os feitos remóntanse a 2021. Segundo a acusación, os procesados realizaron unha transferencia de só 2 euros ao construtor, xerando así un PDF coa orde bancaria que posteriormente terían manipulado para facer aparecer un pago de 39.272 euros. A vítima, ao ver o documento, creu que a cantidade fora abonada e continuou cos traballos na vivenda, que máis tarde foron valorados en 46.338 euros. Durante o xuízo, o construtor explicou que cando reclamou o diñeiro, os acusados alegaron que se trataba dun erro bancario.

Ademais, relatou que unha muller o chamou facéndose pasar por empregada dunha entidade financeira para confirmar esa versión, aínda que el desconfiou “porque recoñeceu a voz” e acabou descubrindo que a chamada era falsa. A Fiscalía reclama que os acusados paguen 46.338 euros de indemnización, mentres que a acusación particular eleva a contía ata 61.000 euros máis outros 3.000 por danos e prexuízos.

OPERACIÓN SEMELLANTE COA COMPRA DUN TRACTOR

Aos dous acusados atribúeselles tamén unha actuación semellante na compra dun tractor. Neste caso, entregaron ao dono dun taller un documento que simulaba un pago de 10.002 euros, aínda que só ingresaran 2 euros. Non se reclama indemnización por este feito porque o propietario conseguiu recuperar o vehículo tras unha avaría e a súa posterior devolución ao taller.

A DEFENSA FALA DE PAGOS EN B

Durante a vista, a defensa achegou documentación coa que intentou xustificar supostos pagos realizados fóra de factura e asegurou que existía intención de abonar a totalidade da obra. Finalmente, a continuidade do xuízo foi aprazada ata o 20 de febreiro pola ausencia dunha testemuña hospitalizada. Nesa sesión está previsto que declaren os dous acusados, que xa avanzaron, a través do seu avogado, que negan as acusacións.

ÚLTIMAS

O queixo ‘Savel’ de Airas Moniz, premiado a nivel estatal

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de publicar no Boletín oficial del...

Ferreira de Pantón celebra as Festas Patronais do 22 ao 24 de agosto

O Concello de Pantón presenta o programa das Festas Patronais de Ferreira de Pantón...

Artesanía de Galicia no Courel ata o 9 de agosto

Durante a súa visita, destacaron que esta iniciativa contribúe a achegarlle á sociedade o...

A directora xeral de Xuventude visita o campamento Adventure Camp no Centro Peares de Inmersión Lingüística, en Carballedo

Lara Meneses coñeceu a primeira quenda das tres coas que conta esta iniciativa que...