A veciñanza de Pesqueiras a través de Stop Baterías Ribeira Sacra denuncia irregularidades nos proxectos de almacenamento enerxético mediante baterías de litio “GRX Belesar I” (expediente PB 13/2025) e “GRX Belesar II” (expediente PB 14/2025), previstos na parroquia de Pesqueiras, no concello de Chantada.
Destacan cuestións como: A distancia de 3 metros entre contedores é insuficiente. O proxecto non ten plan contra incendios (Hai un prego de condicións xenérico de instalacións contra incendios, nada específico desta instalación). O proxecto no explica a cantidade de auga que se usará para refrixerar os contedores e hai risco de secar os acuíferos da zona que dan servizo ás casas. Non van a ter persoal de seguridade na planta en caso de accidente. Non hai un plan conxunto cos bombeiros en caso de incendio e os bombeiros non teñen medios nin formación para apagar este tipo de incendios. Non hai un plan de evacuación para os veciños en caso de incendio. Non explican como se van reciclar as baterías, sendo un tema con moito risco ambiental e de seguridade na vida das baterías. Non hai un plan de tratamento de residuos da planta. Non teñen un plan de illamento dun contedor en caso de fuga, rotura ou incendio
“Quedamos aínda máis preocupados despois desta reunión coa empresa, vendo a falta de información que hai no proxecto sobre o impacto ambiental e de seguridade para a poboación, evidenciando que a preocupación polos danos causados é nula. Sentímonos desamparados tras a confirmación do Concello de Chantada (con representación do Alcalde e Arquitecto na reunión) de que non se van presentar alegacións a estes proxectos”, aseguran os veciños.
Por Chantada e FEARS presentan alegacións
Por Chantada – Interior Galego Vivo denuncia que estas instalacións, promovidas por filiais da multinacional Grenergy, “pretenden converter as parroquias de Pesqueiras e San Fiz en territorios de sacrificio ao servizo do lucro exterior. Coa complicidade política do PP cun modelo colonial que espolia o interior galego: a riqueza marcha fóra e aquí quedan os impactos, a desvalorización das vivendas, a ameaza sobre a saúde e máis despoboamento”.
Ademais de falar de ataque directo ao territorio, á veciñanza e ao futuro das parroquias afectadas, Por Chantada denuncia “o fraccionamento artificioso do proxecto. A empresa dividiu unha única instalación de 96,52 MW en dous proxectos de 48,26 MW para evitar que a tramitación fose estatal (MITECO) e manterse baixo o control máis permisivo da Xunta da Galiza do PP, vulnerando así a Lei de Avaliación Ambiental”. A formación lamenta que “o concello de Chantada non presente alegacións como aconteceu cos parques eólicos Agratina e Agromaces deixando de manifesto a neglixencia manifesta do alcalde e o colaboracionismo do goberno do PP”.
A FEARS presenta alegacións pronunciándose en termos similares, considera que ambos proxectos constitúen, en realidade, unha única infraestrutura industrial fragmentada artificialmente “co obxectivo de eludir unha avaliación ambiental estatal ordinaria”.
Manifestan tamén a súa preocupación polos proxectos de parques eólicos industriais en marcha, que poderían ter un elevado impacto nunha ampla área da Ribeira Sacra, “en Chantada Agratina e Agromaces, en Carballedo Fanega Wind e no Saviñao Feroedo e Nobeiro. Estes proxectos, sumados aos xa existentes, contribuirían a incrementar a presión sobre un territorio xa fortemente impactado, con risco para os valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais de relevancia internacional”.
A Federación advirte de que a proliferación desordenada de proxectos enerxéticos de grande escala, sen planificación estratéxica nin participación social efectiva, compromete seriamente o futuro do rural, favorecendo procesos de despoboamento e deterioro da calidade de vida da veciñanza. Con todo solicitan a denegación das autorizacións para os proxectos Belesar I e II, e a paralización e revisión dos proxectos de parques industriais eólicos como Ferroedo e Neboeiro, instando ás administracións competentes a desenvolver “unha planificación enerxética que respecte o territorio, a poboación e o patrimonio da Ribeira Sacra”.

