A formación nacionalista lembra que a muralla constitúe un dos elementos patrimoniais máis relevantes da cidade, xunto co Conxunto Histórico-Artístico e o Colexio da Nosa Señora da Antiga, formando parte da identidade histórica e cultural de Monforte. Desde o BNG denuncian que, malia contar coa máxima figura de protección como Ben de Interese Cultural (BIC) e estar incluída dentro do ámbito protexido do Conxunto Histórico-Artístico, o seu estado de conservación continúa sendo motivo de preocupación.
Para Emilio J. Sánchez, voceiro do BNG na Corporación Municipal, “non chega con recoñecer o valor patrimonial da muralla sobre o papel. As administracións teñen a responsabilidade de actuar para conservar e recuperar un elemento que forma parte da historia colectiva de Monforte”.
A formación nacionalista considera que ao longo dos anos existiu unha falta de intervención suficiente que permitiu avanzar o deterioro dun ben patrimonial singular e entende que é momento de pasar das declaracións ás actuacións concretas. “Falamos dun patrimonio que non só ten valor histórico ou arquitectónico, senón tamén potencial cultural, educativo e mesmo turístico para o conxunto da cidade. Cando se perde patrimonio, pérdese tamén parte do que somos”, engadiu Sánchez. Desde o BNG sinalan que a conservación do patrimonio debe ser unha prioridade e que Monforte merece unha estratexia seria e continuada para poñer en valor os seus elementos históricos máis emblemáticos.
Con respecto ao campo da feira lembran que foi durante décadas un dos principais motores económicos e puntos de encontro da comarca, coa desaparición progresiva da actividade gandeira, parte destas instalacións quedaron infrautilizadas ou directamente en desuso. O BNG propón recuperar espazos públicos e poñelos novamente ao servizo da veciñanza e da actividade económica.
Entre as medidas propostas inclúese a elaboración dun plan de recuperación das antigas naves do gando, a busca de novos usos vinculados a feiras, mercados, eventos comerciais e actividades relacionadas co rural, así como a adaptación destes espazos para ofrecer zonas cubertas e mellores condicións ás persoas feirantes e usuarias. Propoñen ordenar os distintos espazos do recinto feiral, diferenciando áreas de venda, circulación, carga e descarga e aparcadoiros, e elaborar unha ordenanza municipal específica que regule as feiras e mercados de Monforte.
A moción tamén abre a porta a estudar a recuperación dunha feira de gando anual ou periódica que contribúa á dinamización económica e social do recinto e á posta en valor da tradición feiral da cidade. Manuel Luaces, responsable local do BNG, destacou que “falamos de aproveitar o que xa temos, de planificar con visión de futuro e de recuperar unha parte importante da identidade económica e social de Monforte arredor do seu campo da feira”. O BNG defende que esta proposta busca abrir un debate sobre o futuro deste espazo e avanzar cara un modelo que combine tradición, actividade económica e servizo público.

