O prazo para formalizar a matrícula nas escolas infantís autonómicas rematou o pasado venres, 12 de xuño. Este ano, como novidades, a Xunta aumentou a baremación para as familias nas que traballan os dous proxenitores ou o único proxenitor, no caso das monoparentais. Ademais, os fillos das vítimas de violencia de xénero tiveron acceso prioritario.
O vindeiro curso será o quinto na Comunidade no que a educación infantil será gratuíta para todo o alumnado e en todas as escolas, con independencia da súa titularidade, cun investimento da Xunta, de máis de 68M€ anuais de fondos propios. Esta medida, que supón para os fogares un aforro de arredor de 4.000 euros, leva a Galicia a liderar, por terceira vez consecutiva, a taxa de escolarización de 0 a 3 anos, con case un 65% e 15 puntos por riba da media nacional.
Arias lamentou que Goberno central “segue sen aportar ni un só céntimo para apoiar a conciliación dos galegos”, a pesar de que, na Conferencia de Presidentes celebrada en xuño de 2025, Pedro Sánchez se comprometeu a repartir 175M€ de fondos europeos para a gratuidade de 0 a 3 anos. “Unha cantidade insuficiente, pero é que nin sequera recibimos eses cartos. É máis: non se sabe canto lle corresponde a cada comunidade deses fondos, nin existe unha data real para a súa chegada”, criticou a deputada popular.
Lembrou tamén que Galicia foi pioneira en facer gratuítas todas as escolas infantís, tanto as da Xunta como as dos concellos, as de iniciativa social e as de titularidade privada. Deste xeito, máis de 32.000 familias poden levar aos seus fillos a escola infantil que elixan, con atención educativa de balde oito horas ao día e once meses ao ano.

