HomePolíticaO BNG de Monforte leva a pleno promover vivenda pública rehabilitando o...

O BNG de Monforte leva a pleno promover vivenda pública rehabilitando o Sanatorio Raíces

O BNG de Monforte presentará no vindeiro pleno municipal unha moción para impulsar a adquisición e rehabilitación do antigo Sanatorio Raíces co obxectivo de destinalo á creación dunha promoción de vivenda pública na cidade. A proposta busca dar resposta a un dos principais problemas que afronta actualmente a veciñanza, especialmente a mocidade e as familias con dificultades para acceder a unha vivenda.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A iniciativa contempla que o Concello de Monforte inicie negociacións coa propiedade do inmoble para coñecer as condicións dunha posible adquisición pública e que, posteriormente, se establezan vías de colaboración coa Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e coa Administración do Estado para facer viable a súa rehabilitación e posta en uso como parque público de vivenda.

Segundo explica o voceiro nacionalista, Manuel Luaces, “o problema da vivenda non se vai resolver deixando todo nas mans do mercado. As administracións públicas teñen a responsabilidade de actuar e de poñer recursos ao servizo da cidadanía para garantir un dereito básico”.

Luaces destaca que o antigo Sanatorio Raíces reúne unhas condicións excepcionais para este fin. “Falamos dun edificio situado nunha localización inmellorable, próximo a servizos, centros educativos e sanitarios, cunha estrutura en bo estado e cunha capacidade estimada para arredor de vinte vivendas. É unha oportunidade que Monforte non pode deixar pasar”.

O concelleiro do BNG considera que apostar pola rehabilitación deste inmoble permitiría reducir custos e prazos respecto dunha promoción de nova construción, ao tempo que se recupera un edificio emblemático da cidade. “Estamos diante dun exemplo claro de como se pode dar resposta a unha necesidade social urxente e, ao mesmo tempo, preservar e reutilizar patrimonio xa existente, apostando por un modelo de desenvolvemento máis sostible”.

Desde o BNG sinalan que a colaboración entre administracións será fundamental para facer realidade este proxecto. “Hai programas de financiamento e rehabilitación tanto da Xunta como do Estado que poden converter esta proposta nun proxecto viable e beneficioso para Monforte”, afirma Luaces.

“A vivenda pública é unha ferramenta imprescindible para fixar poboación, facilitar a emancipación da mocidade e garantir que quen queira vivir en Monforte poida facelo. É o momento de actuar con ambición e aproveitar oportunidades como a que representa o Sanatorio Raíces”, conclúe Luaces.

ÚLTIMAS

Triacastela celebra a súa XIV Feira de Artesanía e produtos locais

O Concello de Triacastela organiza unha nova edición da súa 'Feira de Artesanía e...

Aviso sobre posibles cortes de auga na Pobra do Brollón

O Concello da Pobra do Brollón vén de facer un comunicado público no que...

Exitosa presentación da curta ‘Cara de cona’ en Sober

A curtametraxe 'Cara de cona', con moi boas críticas e recoñecementos en festivais nos...

Julio Ferrín o ‘Recanteiro froiteiro’ do Luar

Julio Ferrín naceu na Ribeira, en Quiroga, e tras vivir uns anos en Arteixo...