A agrupación entende que a veciñanza migrada ocupa os traballos máis precarios, sofre máis vulneración de dereitos e ten menos voz e menos oportunidades. No caso de Chantada aseguran que “déronse casos de persoas migrantes que foron encausadas por distintos delitos o que facilitou o espallamento do discurso do odio e a criminalización. Un siloxismo populista e moi simplista, onde o claro é que a pobreza e a marxinación propician ás condutas antisociais”.
Por Chantada alude, nese senso, a unha motivación de prevención, xa que “a exclusión non se resolve con control administrativo, senón con integración real, participación e igualdade de oportunidades, que reducen o conflito, a desinformación e a vulnerabilidade”. E citan lexislación autonómicas, como a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia que contempla programas de acollida e inclusión, ou a Lei 10/2021, do 13 de maio, de inclusión social de Galicia; así como estratexias europeas e estatais que instan ás administracións locais a promover políticas activas que favorezan a igualdade de oportunidades, a participación cidadá e o acceso equitativo aos servizos públicos.
A moción inclúe a creación dunha Mesa Local pola Inclusión e o desenvolvemento dun Plan Municipal de Integración con medidas básicas como facilitar a aprendizaxe da lingua galega, divulgación e sensibilización en materia de convivencia e integración e na actividade deportiva (a moción propón expresamente trasladar unha queixa formal á Federación Galega de fútbol e aqueloutras que impidan o acceso a calquera menor por mor da situación administrativa de estranxeiría das súas familias); ou a contratación dunha persoa formada como axente de integración ou mediación intercultural.

